Modesto Fraga traslada "As almas da Fisterranía" a Carballo

Continúa espallando Modesto Fraga o seu novo libro "Almas da Fisterranía" (Medulia, 2025). Desta volta, a nova presentación terá lugar este mércores, día 22, ás 20:00 horas, na galería Espiral Maior Foro de Carballo.

O acto contará coas intervencións de Miguel Anxo Fernán Vello (escritor, editor e director de Espiral Maior Foro), Xosé Ameixeiras (xornalista e Delegado de La Voz de Galicia en Carballo) e un servidor, Modesto Fraga.

A entrada é libre e gratuíta.

BREVE SINOPSE

"As almas da fisterranía" reúne unha selección de artigos, relatos e investigacións que ao longo de máis de dúas décadas foron vendo a luz en xornais e publicacións diversas. Un ramillete de textos, de pequenas estampas cotiás, polas que van asomando algunhas das historias que en certo modo pertencen ao imaxinario simbólico da fisterranía.

Desde a época antiga ata os nosos días a historiografía serviu para dar conta de acontecementos memorables compartidos polas xeracións do pasado, do presente e do futuro. É fundamental, xa que logo, evitar que as brumas da desmemoria escurezan para sempre o valioso legado cultural que herdamos e que nos cómpre protexer, coidar e pór en valor. O impresionante Promontorium Nerium do que falaron xeógrafos clásicos como Plinio, Strabon ou Ptoleo  nas súas imperecedoiras crónicas; a mítica cidade asolagada de Dugium, que aparece citada no Codex Calixtinus (séc. XII), as antigas peregrinacións á fin do mundo na procura do Camiño das Estrelas, documentadas xa desde a Idade Media; a nosa rica toponimia; a singularidade da fala fisterrá; o seu inxente patrimonio inmaterial: a lenda da Ara Solis, a ermida de San Guillerme, o milagreiro Santo Cristo da Barba Dourada; os numerosos naufraxios acontecidos nestas costas (o Cason, O Prestige, o Blas de Lezo, a fragata Bayonnaise, o Douro, a poderosa frota de Martín Padilla...); os seus persoeiros ilustres (Alejandro Finisterre, Vasco Pérez Mariño, Celia Rivas, Matías M. Escariz, José María Canosa Ínsua, Francisco Esmorís Recamán, Ramón Marcote, Don Emerito ou Plácido Castro, entre outros). Tamén historias recentes, anécdotas e polémicas actuacións sobre o noso patrimonio material e paisaxístico que, sen dúbida, foron engrandecendo o sedutor influxo que sempre posuíu o territorio sentimental da fisterranía."

Máis novas