Luns. 29.04.2024
El tiempo

A revista Eló, corazón da fisterranía, cumple 50 números

A revista Elo fisterrania
A revista Eló, corazón da fisterranía, cumple 50 números

J. Corbal, Marta Lado, Mariña Lestón, Germán Martínez, Irene Olveira, Bermundo Revés; Modesto Fraga ou Gabriel Riveiro “Bebeto”. Menudo elenco de plumas afiadas as que só é capaz de xuntar a revista Eló. A singular publicación fisterrá, que rescata a esencia das publicacións locais en papel, cumple 50 números. Ao longo dos 11 anos de singradura, manteñen o formato de ser absolutamente autoxestionada, é de balde, non ten subvencions nin publicidade, o que a convirte en absolutamente libre.

Gracias á coordinación de Antonio Corbal e Xoán Silva Pazos, e o compromiso das ducias de colaboradores que enchen, con soberana mestría e fisterrá, as follas da revista, o proxecto confírmase como foco de fisterránía.
De feito, Corbal colabora coa Biblioteca da Fisterranía.

Revista Elo Logo

O propio Antonio márcase o reto de lanzar, cando menos, outros 50 números desta “publicación humilde” pero tremendamente integrada no tecido cultural da vila do Cristo. Falamos con el:

- Como nace Eló?

Foi un nacemento non esperado, non digo non desexado, pero si que foi un parto espontáneo que nos pillou por sorpresa aos proxenitores. Unhas veces xúntaste para levar a cabo un proxecto e non resolves nada e outras xústaste para tomar un café e nace unha revista. En Fisterra as cousas pasan así. O nome da revista, expresión moi popular en Fisterra, convenceunos a todos. E cando digo todos, digo aos tres que eramos aquela tarde de hai agora once anos (Xoán Silva, Mighelón e máis eu). Sen maiores pretensións un día botou a andar e logo foi medrando. Só tiñamos claro que a revista tiña que ser en papel, en branco e negro, de balde e non queriamos nin subvencións nin publicidade nela. É unha revista algo artesá. Dobramos os 450 folios, montámola e grampámola a man. E aquí seguimos. Igual. 

- Cando naceu  hai 11 anos contabades con chegar aos 50 números?

Levados polo entusiasmo do momento penso que eu afirmei que tiñamos que chegar ao número 50 polo menos, penso que pouco convencido. Pero chegados a este punto podemos dicir que somos a publicación periódica máis lonxeva de Fisterra, se exceptuamos a folla parroquial. E estou convencido de que se chegamos tamén ata aquí é porque non traballamos coma outras publicacións. A Eló, ou o Eló (Exemplar de Letras e Opinións) é coma unha concentración de parcelas, unhas máis grandes e outras máis pequenas, onde cada un cultiva o que considera oportuno. Con liberdade e respecto polo entorno, e sen comprometernos con ninguén. 

- De balde, sen publicidade, sen subvencións... senporsen libre, pero... como facedes para mantela viva?

Imprimimos 150 exemplares cada dous meses. Calquera que merque unhas zapatillas por 150€, ou pague por unha tatuaxe outro tanto ou máis, aqueles que non lles doe na alma pagar 300€ por un menú degustación e se cadra quedar con fame, ou quen merque un móbil última xeración con medio soldo do mes... todos eles ben podían facer unha revista coma a nosa. Coma dicía Lichtenberg, quen teña dous pantalóns que venda un e merque o meu libro. Ou faga unha revista.

- Como é a resposta dos axentes fisterráns cando pides colaboracións? Parece que a xente escribe encantada para Eló!

Foron moitos os colaboradores que pasaron pola revista, e hai quen está dende o primeiro número. Fisterra é canteira de artistas, iso din. Dás unha patada a unha pedra e seica sae un artista. Eu non sei se será para tanto pero non hai problema á hora de conseguir colaboracións. Xogamos na casa e iso fai máis doado todo, e aínda que sempre hai quen se fan de rogar tamén hai quen se ofrecen. Pero polo de agora o espazo é o que é e a día de hoxe somos os que somos. E claro, tampouco somos unha ONG de recollida de artistas sen espazo.

- Se ben fóra de Fisterra a revista non se coñece demasiado, dentro da vila do Cristo, Eló pode ser a publicación máis respectada de cantas hai, verdade? Como notas a incidencia e a visión da xente de Fisterra sobre a revista?

Certamente somos unha revista local, e ese é o noso público, aínda que os temas que abordamos nela non son só locais. Deixámola polos bares, nalgunha farmacia, nalgunha panadería, na Biblioteca, no Kiosko de Chus, e en moitas casas de particulares. Cada día a xente pregunta máis pola revista e agarda con ansia que pasen os dous meses para que saia á rúa o vindeiro número. Ten moi boa acollida, será que coma é de balde... Con todo, sempre dicimos que se alguén queda sen ela pode pedir que lle impriman as que queira na Librería Agarimo. Porque a revista tamén chega a Corcubión, Cee, A Coruña, Ourense, Madrid, e ata a Dinamarca e Arxentina, para onde envías varias. Por chegar ten chegado ao Gran Sol e a Grecia a bordo dalgún barco. É unha revista pero tamén unha folla moi voandeira.

- Tocará chegar a outros 50?

Se cadra agora temos que ir máis despaciño que levamos o “L” ás costas pero, feita unha consulta entre nós, e visto que en xeral aínda gozamos de algo de saúde física e mental,  50 anos non, pero é posible que outros 50 números si.

Máis novas

Comentarios