Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Novo volume da Biblioteca da Fisterranía: “Don Emerito éo todo en Fisterra, culturalmente falando”

  1. Modesto Fraga completa así a “recuperación do legado da Santísima Trindade das Letras da fisterranía”,
Presentacion libro Emerito
Novo volume da Biblioteca da Fisterranía: “Don Emerito éo todo en Fisterra, culturalmente falando”

Despois de recoller a antoloxía de Ramón Marcote e de Francisco Esmorís Recamán, Modesto Fraga continúa poñendo en valor a arte literaria e poética da vila do Cristo coa serie da “Biblioteca da Fisterranía. Este proxecto editorial segue collendo forma, e desta volta co colaboración do Concello e Bela Fisterra, lanza o terceiro volume.

O escollido non podía ser outro que Desiderio Paz Figueroa, ”Don Emerito” (co pulso de voz sobre o i), completando así a “recuperación do legado da Santísima Trindade das Letras da fisterranía”, como recoñece o propio editor. “Don Emerito éo todo en Fisterra, culturalmente falando, polo que o pobo está moi emocionado. Malia nacer en Corcubión, era moi querido en Fisterra; era padriño de medio pobo”, explica Modesto. “A xente de mais de 50 anos veu ao mundo con el de médico”.

A obra recolle absolutamente todo o que deixou publicado: Poesía, música, teatro, coro da igrexa, prensa… "A súa obra é impresionante", relata un entusiasmado Modesto. "Se en vez de vir vivir a Fisterra chega estar en Santiago figuraría nos libros a carón de Castelao, Otero ou Risco", arrisca a apostar.

A presentación (“vai ser algo apoteósico”, aseguran, esta "homenaxe masiva e popular"), será o sábado 23 de marzo ás 12:00h na Praza da Constitución. Ademais de Modesto participarán a alcaldesa Áurea Domínguez e Rosario Domínguez Rivera. Rosario foi “unha perso moi importante na vida de don Emerito. Don Emerito e dona Jesusa viviron toda a vida na casa familiar de Rosario, polo que é coma se fose familia”.

No acto intervirán tamén outras persoas que o trataron e tamén haberá música feita polo protagonista, a man da Banda de Música (que de feito, foi creada por Emerito xusto neste 2024 fai 100 anos) dirixida por Moncho Domínguez.

NOVAS sobre a Biblioteca da Fisterranía

Comentarios