Nova fornada de cociñeir@s e carpinteir@s no Centro de Formación do Forum
Continúa o Centro Municipal de Formación, dependente da Concellaría de Innovación, Formación e Emprego de Carballo, apostando pola preparación de profesionais en sectores con boas perspectivas de emprego. Despois da posta en marcha do obradoiro Fórum Dual coas especialidades de cociña e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, así coma da primeira das dúas accións formativas de soldadura previstas para o curso 2022-23, no mes de xaneiro arrincarán dous novos cursos relacionados cos sectores da electricidade e a carpintaría.
Do 23 de xaneiro ao 21 de xuño desenvolverase un curso de Montaxe de mobles e elementos de carpintaría. Trátase dunha acción formativa de nivel 2, polo que para participar requírense estudos de ESO, competencias clave ou ciclos formativos de grao medio ou superior, como mínimo. O curso terá unha duración total de 538 horas, que inclúen 18 de módulos transversais sobre inserción laboral, sensibilización medioambiental e igualdade de xénero e 60 de prevención de riscos laborais.
O segundo curso é o de Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións en edificios, que se desenvolverá dende o 30 de xaneiro ata o 6 de xuño. Neste caso é unha acción formativa de nivel 1, polo que non é preciso ter ningunha titulación e pode participar calquera persoa desempregada. Serán 458 horas de formación, incluídas, como no anterior, 18 de módulos transversais e 60 de prevención de riscos.
As solicitudes de participación poden realizarse presencialmente ou a través da Intranet do Servizo Público de Emprego de Galicia.
Tamén están en marcha os procesos selectivos de profesorado. As bases poden consultarse na sección de Convocatorias de www.carballo.gal.