luns. 02.12.2024
El tiempo

Novas vidas para máis de 70.600 pezas de téxtil

Novas vidas para máis de 70.600 pezas de téxtil
fundacion-humana Humana Fundación Pueblo para Pueblo recupero 34.125 quilogramos de téxtil en Carballo durante o primeiro semestre do ano Durante o primeiro semestre do ano, Humana Fundación Pueblo para Pueblo recuperou 34.125 quilogramos de téxtil usado en Carballo, o que representa un aumento do 4,5% respecto ao mesmo período do ano anterior (32.649 kg). O rexistro de xaneiro a xuño equivale a 70.600 pezas recuperadas, que deste xeito teñen unha nova vida e que son reintroducidas no mercado a través da reutilización ou a reciclaxe. As pezas proceden dos contedores onde se deposita a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil de fogar que xa non utilizamos. O servizo de recollida do téxtil é gratuíto e representa un aforro importante nos gastos de recollida e eliminación de residuos sólidos urbanos. A reutilización e a reciclaxe de téxtil contribúen ao aforro de recursos, a protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. As máis de 34 toneladas recollidas de xaneiro a xuño representan un aforro de 108 toneladas de CO2 á atmosfera, cousa que o planeta agradece. Progreso Darío Gómez, responsable da área de Recollida de Humana en Galicia, agradece a solidariedade dos veciños e veciñas de Carballo: “As pezas refugadas son un activo que, xestionado con vocación social, convértese en motor de progreso en España e de xerador de fondos para a cooperación ao desenvolvemento no hemisferio Sur”. Gómez advirte, con todo, de que “aínda queda camiño por percorrer”. “Apenas se recupera un 10% de todas as pezas que refugamos anualmente, o que significa que administracións, organizacións e cidadanía debemos redobrar os esforzos para lograr unha maior conciencia sobre a importancia de colocar o residuo téxtil no contedor adecuado para que poida ter unha segunda vida”, indica. O motivo para o optimismo é que a Unión Europea (UE) obriga á recollida selectiva de residuos téxtiles antes do 1 de xaneiro de 2025, o que impulsará aos concellos, que son os responsables da xestión de residuos, a potenciar a reciclaxe e a reutilización de roupa e calzado. E é que o potencial de aproveitamento do residuo téxtil é enorme: máis do 90% das pezas usadas son susceptibles de ter unha segunda vida a través da reutilización ou a reciclaxe. Pasar dun modelo de economía lineal a circular é imprescindible para a sustentabilidade da industria da moda e, por extensión, para o planeta. Destino As pezas depositadas nos contedores de Humana -que desde 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil e leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia así como de apoio local en España- teñen dous destinos: o 61% trátase nas plantas de preparación para a reutilización da Fundación (tres: en Madrid, Barcelona e Granada) e o resto véndese a empresas de reutilización e reciclaxe.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios