Os empresarios reúnense para tecer o "Carballo do futuro"
07:09 15/11/16
Medio cento de empresarios de Carballo asisteron onte a unha xuntanza que tivo lugar no salón de plenos
O salón de plenos da casa do concello de Carballo acolleu onte unha xuntanza á que asistiron meido cento de empresarios e representantes do tecido económico da vila co fin de opinar e contribuír a construír o "Carballo do futuro" a través da Estratexia DUSI - Desenvolvemento Urbano, Sostible e Integrado - e así axudar a mellorar o proxecto que concorrerá á segunda convocatoria de fondos FEDER da Unión Europea.
Durante case hora e media os responsables de Valora, consultora encargada do asesoramento do proxecto, representantes da Universidade da Coruña - UDC -, de todos os grupos da corporación e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, expuxeron os principais obxectivos da iniciativa e a importancia de que toda a cidadanía e, nomeadamente o tecido empresarial de Carballo, axuden a crear unha estratexia conxunta para mellorar a vila.
Todos e todas os asistentes cubriron unha enquisa na que se abordan os principais eixos do proxecto: as novas tecnoloxías, a creación dunha economía baixa en carbono, a protección do medio ambiente ou a inclusión social. A través do cuestionario ofreceron as súas ideas e puntos de vista sobre a EDUSI e tamén expresaron en voz alta as súas dúbidas. A necesidade de mellorar o ciclo da auga, a creación de smartcities, a importancia das novas tecnoloxías na xestión de servizos públicos, eliminar as barreiras arquitectónicas, crear máis zonas verdes e plantar máis árbores, potenciar o emprendemento ou incidir na formación dos colectivos máis desfavorecidos foron algunhas das ideas que xurdiron durante a xuntanza.
Ano 2022
Na xuntanza tamén participou o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero
Durante a reunión subliñouse a importancia de que todos os colectivos do concello, así como o tecido industrial, participen e colaboren na elaboración do proxecto xa que, como subliñan dende Valora, non se trata dun proxecto circunscrito a un único goberno municipal, senón que se trata dunha iniciativa cun horizonte temporal centrado en 2022, que vai durar máis dun mandato e que está pensada para que se constrúa entre todos.
Os empresarios e empresarias que non puideron asistir á reunión (e todos os veciños e veciñas) aínda poden participar a través de varias canles até o domingo 27 de novembro. Poden facelo, enchendo unha enquisa online, enviando suxestións ao enderezo electrónico [email protected]; opinando a través da páxina de Facebook ou do Twitter a través do @carballo_gal co hastag #CarballodoFuturo.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo