Os menús dos restaurantes de Carballo, un pouco máis saudables

Esa era a intención do Curso de Cociña Saudable que o Concello de Carballo artellou no Forum, que os hostaleiros carballeses tivesen recursos máis sans á hora de preparar os menús. Un xeito de mellorar o negocio da hostalería local, que cada vez máis é un reclamo para os visitantes que se achegan á capital da comarca.

Un curso que pechaban onte no edificio dos 100 actos, o alcalde e o concelleiro de Promoción Económica, facendo entrega ademais dos diplomas.

O curso, desenvolvido nas instalacións da Escola de Hostalería do Fórum Carballo, rematou coa elaboración de tres suxerentes e apetecibles pratos: hamburguesas de garavanzo, que tiveron unha excelente acollida; cuscús con tofu mariñado e crema de améndoa con pera ao xenxibre como sobremesa. Despois da degustación do menú, o alcalde fixo entrega aos 24 hostaleiros dos diplomas acreditativos da súa participación nesta nova acción formativa, que pronto terá continuidade.

Máis cursos

A próxima actividade será un curso de elaboración de tapas que será impartido por un premio estatal da especialidade. Ademais, e ante o interese amosado polos profesionais do sector, avanzou que haberá un terceiro curso de cociña saudable.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).