xoves. 15.01.2026
El tiempo

O PP pide un plan para mellorar a seguridade viaria en Carballo

Paso de peons na rua Peru de Carballo
Paso de peóns na rúa Perú de Carballo
O PP pide un plan para mellorar a seguridade viaria en Carballo

O Grupo Municipal do Partido Popular vén de rexistrar unha moción para abordar de maneira inmediata a que entende como "preocupante situación da seguridade viaria en Carballo". O grupo denuncia "anos de deterioro en pasos de peóns, semáforos e rúas sen beirarrúas que afectan directamente á vida diaria de milleiros de veciños e veciñas".

A iniciativa chega despois de varios atropelos en pasos de peóns, especialmente en vías principais como a rúa Perú, os accesos ao Centro Comercial Bergantiños ou, nos últimos anos, a recta de Rus.

Segundo o portavoz do grupo, Rubén Lorenzo, “Carballo non pode seguir normalizando que os pasos de peóns estean sen pintar, que haxa semáforos apagados durante meses ou que existan rúas sen beirarrúas por onde camiñan cada día nenos, maiores e familias enteiras. A seguridade viaria non é un luxo: é unha obriga básica de calquera goberno municipal”.

Así, propoñen un "plan realista e executable en 6–12 meses, que inclúa un "Plan Urxente de Repintado de Pasos de Peóns, priorizando contornos escolares, instalacións deportivas e cruces de alta intensidade", unha "auditoría técnica completa da rede semafórica", así como un "sistema permanente de mantemento preventivo de pasos de peóns, semáforos, sinalización e iluminación", "melloras na iluminación viaria do casco urbano", e "ampliación e creación de beirarrúas en rúas que actualmente carecen delas".

Comentarios