Presentado o proxecto do trazado da necesaria Variante de Carballo

A Conselleira e o alcalde presentando o trazado da Circunvalación en Bértoa

Visita institucional esta mañá de venres para presentar, por fin, o trazado da variante de Carballo. Leva décadas a capital bergantiñá esixindo esta Circunvalación para evitar que o tráfico pesado entre Carballo e Santiago atravesen o centro da vila, e por fin, a Xunta pon en marcha a infraestrutura viaria.

A  conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co alcalde carballés Daniel Pérez, presentou os datos da variante, que terá unha lonxitude de 3,6 quilómetros e funcionará como unha vía convencional, con circulación en ambos sentidos e conexións mediante glorietas. Trátase dunha vía para dar saída directa ao polígono de Carballo cara ás estradas de Ordes e Santiago, evitando a circulación de tráfico pesado pola vila, especialmente nas zonas do instituto Alfredo Brañas, o colexio Fogar e do complexo deportivo

A estrada divídese en dous tramos: un primeiro, de 2.850 m de lonxitude entre a AC-552 e a AC-413 e o segundo, de 800 metros entre a AC-413 e a DP-1914. Entre as estruturas previstas, destacan un viaduto sobre o río Anllóns, dous pasos superiores e un paso inferior ou un marco para o rego Añón.

O proxecto conta cun investimento autonómico de 22M€.

Máis novas do proxecto