Domingo. 06.10.2024
El tiempo

A Xunta anuncia lixeiros avances na ampliación do Polígono de Bértoa pero ningún na Variante

Empresarios do poligono de Bertoa coa Delegada da Xunta Belen Docampo
A Xunta anuncia lixeiros avances na ampliación do Polígono de Bértoa pero ningún na Variante

Importante xuntanza onte a que mantiveron os empresarios do Polígono de Bértoa coa Xunta. A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire e polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez,  achegáronse ata o polígono carballés para avaliar o estado do proceso de ampliación do parque empresarial. Un proxecto que leva enquistado anos, como o da circunvalación, a pesar das eternas demandas de Concello e dos propios empresarios.

Con todo, desta volta a delegada da Xunta chegaba con algún avance: o proceso de aprobación do Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial desta II fase de ampliación está moi avanzado, unha figura que está incluída na Lei de áreas empresariais de Galicia, que entrou en vigor o pasado mes de novembro e que pretende axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación do solo industrial na Comunidade.

Tamén se atopan en fase de licitación a redacción do proxecto de expropiación que conta cun orzamento, de case 75.000 euros e tamén atópase en licitación a redacción do proxecto de desenvolvemento, urbanización e parcelamento que conta cun orzamento de case 180.000 euros, en ambos casos xa coas ofertas recibidas e en proceso de revisión.

Investimento

A Xunta destinará un investimento de 18,7 millóns de euros para incrementar a superficie nuns 581.000 m2, que se sumarán aos máis de 718.000 m2 que o Goberno galego puxo a disposición do empresariado coa primeira ampliación deste parque industrial en 2011. 
As últimas preivisións sinalaban que a ampliación estaría rematada a metade de 2025, unha data absolutamente impensable a día de hoxe.

A Circunvalación ou Variante de Carballo

Outro proxecto que parece estancado é o da Circunvalación, a pesar de que a delegada incida no "compromiso" do goberno e lembre que os orzamentos de 2024 incluíron 500.000 para o proxecto. Esqueceu se cadra dicir que os Orzamentos da Xunta levan 8 anos incluíndo partidas orzamentarias sen mover unha soa pedra. 

Docampo informou que desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural indicouse que terá que levarse a cabo a protección e conservación dos restos arqueolóxicos relacionados co Castro de Queixeiro, polo que está previsto que en paralaleo ao proceso de información pública se realice unha intervención arqueolóxica. 

Asi mesmo, sinalou que neste momento a Xunta está pendente de recibir o informe de Patrimonio Natural. Cando se reciba se resolverá a avaliación ambiental simplificada, momento no que se aprobará provisionalmente o proxecto de trazado e se iniciará o procedemento expropiatorio coa información pública, xa coas prescricións de avaliación ambiental incorporadas. 

Cómpre lembrar que a Xunta puxera 2022 como prazo de posta en marcha da Variante de Carballo...

Transporte

Outra das peticións fundamentais dos empresarios é inclusión do polígono na rede de transporte público de Galicia, que permita que os autobuses que veñen da Coruña ou do sur da comarca poidan parar directamente no Polígono. Belén do Campo comprometeuse a analizar a petición para estudiar a súa viabilidade coa empresa concesionaria.

Máis novas

 

Comentarios