Rosa Suárez Redondo presentou a súa nova novela na Libraría Clarión

19:24 02/02/25
A Libraría Clarión de Carballo acolleu o venres 31 de xaneiro un acto de presentación da novela A miña vida noutro lugar de Rosa Suárez Redondo, publicada por Toxosoutos. A autora estivo acompañada polo escritor e avogado Xosé Antonio Andrade, quen destacou a limpeza e falta de artificios da escrita coa que Rosa Suárez relata unha historia artellada en torno ao motivo da viaxe.
Trátase dun relato que arranca e que termina co reencontro dunha nai e unha filla, unha vivencia que non resulta allea a case ninguén nesta terra nosa de emigrantes. A autora debateu co público temas centrais na novela como as relacións interxeracionais, a amizade, a maternidade en solitario, o amor ou a apertura da sociedade ás sexualidades diversas.
