Volve o "Axober Work Party" cunha charla-café sobre a construcción
07:11 09/11/16
A asociación de xóvenes Empresarios de Bergantiños - Axober - repite formato na segunda edición do "Axober Work Party", un espazo de intercambio de experiencias para autónomos e empresas. Nesta ocasión a charla-café xirará arredor da construcción, intentando analizar o presente e o futuro do sector en Carballo desde distintos puntos de vista.
Tras a entrada en vigor do Plan Xeral de Ordenación Municipal - PXOM - , un dos aspectos que non podía faltar nun encontro deste tipo é o novo marco urbanístico do municipio de Carballo e as posibilidades de desenvolvemento que ofrece o documento.
O arquitecto municipal, Alfredo Garrote Pazos, será o encargado de ofrecer as claves. O sector da promoción inmobiliaria e a construción estará representado por Javier Souto Gago, xerente de Construcciones J. Souto, que ofrecerá o punto de vista empresarial. Axober Work Party tamén contará coa participación de Eladio Varela Pombo, director do Centro Empresas Negocio Inmobiliario Galicia de La Caixa, para falar da parte da financiación. Na charla-café tamén se determinarán cales son as posibilidades de inserción e que papel xoga e vai xogar a formación de cara ao futuro. A responsable técnica da Bolsa de Traballo (BDT) do concello de Carballo, Milagros Antelo Cameán, ocuparase destas cuestións.
Con esta iniciativa Axober aposta pola continuidade dun ciclo de actividades específicas, periódicas e cun formato semellante, que ten por finalidade abordar cuestións que sexan de especial interese para o sector nun momento de determinado. Trátase dunha experiencia mixta de networking, formación e información, na que cobran especial relevancia o intercambio de experiencias, o asesoramento directo e os contactos personais.
Data e inscricións
A xornada terá lugar o vindeiro venres 18, a partir das 16:30 horas, no Fórum Carballo. Aínda que se trata dun acto aberto, por cuestións de organización prégase ás persoas interesadas que se inscriban a través do número de teléfono 981 756 313, do correo electrónico [email protected] ou enviando unha mensaxe a través da páxina de Axober en Facebook.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Axober