O BNG de Carnota volve denunciar a “situación caótica” no servizo de pediatría na localidade e en Muros

O BNG de Carnota vén de denunciar a “situación caótica” que está a vivir o servizo de pediatría, e non só na localidade senón tamén en Muros, onde se atende para toda a comarca unicamente 3 días á semana (luns, mércores e venres) ata ás 12 da mañá.

A formación nacionalista sinalou que existe unha situación de desinformación, que provoca que haxa usuarios da localidade que acudan cos seus fillos ou fillas a Muros, e que alí sexan derivados outra vez a Carnota. “E no caso de urxencia, as crianzas de ata 3 anos teñen que desprazarse a Mazaricos ou Noia”, indicou o BNG, que lembrou que “Carnota non dispón de especialista pediátrico desde hai moitos meses, polo que as familias teñen que desprazarse ata Muros, onde agora o servizo está aínda máis abandonado polo Sergas”.

Primitivo Pedrosa, dirixente dos nacionalistas no municipio, afirmou que “exiximos á Xunta de Galiza o restablecemento urxente e inmediato do servizo de pediatría no concello”.

Pedrosa insistiu en que “a situación vai de mal en peor e os responsábeis do goberno galego non poden seguir mirando para outro lado mentres as familias están a sufrir o desleixo do Sergas coa atención sanitaria”.

Máis novas