O Monte Pindo terá dous trails este verán

Seguimos pendentes do Trail Monte Pindo que a Asociación Monte Pindo Parque Natural e Galicia Máxina Trail Adventure están a preparar para o 13 de xuño. E temos o ollo posto no Ultratrail Camiño dos Faros, claro. Pero mentres, a ACDR Pedramar do Pindo xa vai anunciando o I Trail Encontro Monte Pindo, que terá lugar nas escarpadas pistas do Olimpo Celta o 11 de xullo, no marco do VII Encontro Monte Pindo.

Termos pois este verán dous trails no Monte Pindo, é unha demostración do potencial deste espazo para os deportes de aventura, e do tirón do seu simbolismo para calquera clase de evento.

Sen entrarmos nas diferencias entre os colectivos organizadores de ambas probas, unidos, iso si, polo amor ao granito pindexo, hoxe toca falar do que prepara a asociación veciñal do Pindo, e terá lugar o 11 de xullo, nunha completa fin de semana. I é que o Encontro Monte Pindo, que xa vai pola 7ª edición, é a data máis importante da entidade, e conxuga durante tres días deporte de aventura, música, gastronomía, arqueoloxía…

Estamos pendentes do programa completo do Encontro, pero xa coñecemos algo do I Trail, a novidade deste curso. O logo é obra de Ángel Concheiro (arqueólogo e habitual colaborador Encontros) e o diseñador Víctor Basoa.

Xa saben que esto do “trail running” é unha modalidade deportiva que consiste en percorrer no menor tempo posible un percorrido de monte/montaña balizado sobrepoñéndose a todos os obstáculos que a nai natureza presente a cada paso (desniveles, ríos, carreiros, pistas forestales, camiños pedregosos, acantilados, praias…). Pódese realizar intercambiando o correr co camiñar.

Será unha proba deportiva apta para ”tod@s: vecin@s, visitantes, turistas, rápidos, lentos, profesionais, semiprofesionales, populares, debutantes, niñ@s, novos, adultos, abuel@s, ... Todo o mundo terá cabida nesta proba”, afirman. E haberá categorías para todas as idades, de entre 6 e os 100 anos.

A novidade reside en abrir categorías para os máis pequenos, que serve para ilos achegando ao medio natural e comproben por si mesmos que tamén se poden realizar actividades deportivas nela.

Os pequenos farán probas de entre 700 e 1.500m, sendo a proba cadete de 2.000m, a xuvenil de 6km, igual que a de parellas míxtas, polos 14 km da proba absoluta, cun percorrido que arrinca en Os Lombos, e continúa por Praia San Pedro, Chan das Lamas, Caldebarcos, O Pedrullo, Baixada do Pindo, Praia San Pedro tendo como terreo asfalto, cemento, carreiro, pista forestal, area, mar, pedras, rocas e madeira.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).