Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Dous pontecesáns na proba de aventura máis esixente do mundo

Dous pontecesáns na proba de aventura máis esixente do mundo
Quito e Pris co Brigantia Expedition Team Brigantia expedition team >Estannos acostumando moi mal estes trasn@s… Unha trasna, a única española en completar o Ultratrail extremo por Alaska; varios costeiros entre os 7 heroes que completaron o Ultratrail do Camiño dos Faros 2014; outros moitos xa preparando o Ultratrail Camiño dos Faros 2015

E esta semana coñecemos que teremos un par de pontecesáns na proba de aventura máis esixente do mundo. E que ademais se celebra en Galicia. O Raid Gallaecia é unha proba de alcance internacional e consta de 500 km a completar en 100 horas. Saírá de Cuntis (Pontevedra) o 10 de maio e rematará, cando poidan, no Obradoiro de Compostela, despois de facer diferentes seccións trekking, kaiak, BTT, barranquismo… e sobre todo facendo unha ruta de orientación, porque o percorrido é secreto ata o comezo do raid, ou o día antes , e ca súa brúxula (non vale GPS…) terán que ir descubrindo os puntos de control. Polo de agora saben que tocarán as Rías Baixas, e pode que pasen pola Costa da Morte.

Entre os máis de 100 participantes que chegan de todas partes do mundo, teremos dous pontecesáns, correndo polo equipo herculino Brigantia Expedition Team. Priscila Suárez Méndez, ou “Pris da Morena”; e Francisco González Varela, “Quito”, serán os representantes da Costa da Morte nesta proba de dureza extrema.

Os dous están máis que preparados. Ademais de ser trans@s habituais (non parece que poidan estar na primeira etapa da 5ª edición do Camiño dos Faros esta fin de semana porque organizan un Raid de Orientación este sábado en Cariño, batindo ademais marca de equipos na Liga Galega), Pris é adestradora persoal, e xa é coñecida na comarca e a nivel galego como corredora de trails, raids de orientacion e duatlóns e triatlóns.
Non lle anda a zaga Quito, bombeiro na Coruña e cun palmarés envexable tamén. Ademais de rematar o Ultratrail do Camiño dos Faros o ano pasado, tamén rematou o Raid dos Picos de Europa ou foi 6 no Trail das Pontes.

Marcos e Diego (que tamén ten procedencia de Ponteceso, pois o seu pai é de Pazos) serán os outros dous integrantes do equipo, no que o bo rollo e entendemento é clave para superar 4 días e 4 horas de aventura en común. Todo, nunha proba internacional que, o feito de traela a Galicia é todo un éxito e responsabilidade.

Pris e Quito

Pris no Brigantia Expedition Team

Os seus compañeiros define a Priscila como “Unha da mellores corredoras galegas de raids, xa leva ás súas costas moitas carreiras que superan as 24 horas”. Ademais de “aportar ese lado feminino importantísimo en todos os equipos”, os calificativos que teñen cara ela defínena moi ben: ”Guerreira, traballadora, con garra, e con moita enerxía”, pero ademais “sinxela, directa e humilde, unha compañeira guerreira que non perde o sorriso”.

Unha xoia tamén é Quito, un “Corredor super experimentado nos raids de aventura cunha capacidade integradora absoluta ademais de ser un portento físico e un gran orientador. Sacará o mellor de si neses momentos de confusión e dúbidas, dando ese punto de tranquilidade ao equipo que o fará seguir cara adiante”. “Un deportista sincero e divertido, e moi perfeccionista, con moita fortaleza física e mental. Sempre positivo e iso anima ao equipo para seguir”.

Quito de Ponteceso no Brigantia Expedition Team

Aí van, estaremos atentos, pois o evento poderase seguir pola plataforma tracktherace.com... Polo de pronto, mirade un adianto do que lle espera a Quito e Pris…


Novas relacionadas

Fonte

Comentarios