A escola de música de Cee presenta a súa canción para o concurso "Quero Cantar"
07:10 16/03/16
A canterira da escola municipal de música de Cee, baixo o grupo "Proxecto Nordés", foi a primeira participante do concurso "Quero Cantar" convocado pola Deputación da Coruña.
Segundo informan os organizadores do evento, queda aínda un mes para rematar o prazo de presentación de temas ao primeiro concurso musical infantil na lingua galega que terán que ser remitida en formato audio ou video cunha canción orixinal e inédita en galego. A condición para participar é que a voz ou voces solistas teñen que ser de nenas ou nenos de ata 12 anos de idade. O resto dos integrantes do grupo non están suxeitos ao límite de idade.
A música presentada polo "Proxecto Nordés" está composta por Fernando Fraga - director do grupo e da Escola municipal de música de Cee - e a letra é un poema de Diego Antonio Cernadas de Castro, “O Cura de Fruime”. A canción “Antón” do grupo Proxecto Nordés, foi a primeira presentada para participar no concurso “Quero Cantar”.
O grupo Proxecto Nordés adiantouse na presentación da súa canción preparada na Escola municipal de música de Cee, un dos centros de ensino musical vinculados a concellos que mostraron desde o inicio interese en participar na nova iniciativa da Deputación da Coruña.
Premios
A primeira clasificación realizarase por votación popular a través da páxina de facebook e as 10 primeiras formarán parte dun CD que se distribuirá polos colexios galegos e de libre descarga na páxina www.querocantar.gal. As cinco primeiras participarán na gala final no Teatro Colón da Coruña da que sairá a proposta gañadora e as finalistas.
O concurso, que é iniciativa da área de Normalización Lingüística da Deputación que ten á fronte á nacionalista Goretti Sanmartín, busca “incentivar a esa enorme cantidade de rapazas e rapaces que en toda Galicia alimentan a súa paixón pola música na nosa lingua e se forman en escolas, bandas, coros ou asociacións”.
Novas relacionadas
- A natación e a música tamén chegan ás escolas de Cee
- A Escola de Música de Cee estreou escenario na súa nova casa.
- A natación tamén chega aos programas lectivos dos centros de ensino de Cee.
- Redacción QPC ([email protected])
- Deputación