O profesorado do IES Fernando Blanco únese aos #MartesenLoita e pelexa polas necesarias melloras no centro
Avanza o curso e seguen todas as aristas do ensino público en pé de guerra. O abandono estrutural da Xunta de Galicia obriga ás familias e profesorado a seguir denunciando a situación de moitos centros de ensino de todo o país, convertindo un ben de todos nun enfrontamento constante.
Pero é que como teñen que estar os colexios e institutos para que as ANPAS organicen manifestacións en centos de vilas, e para que o profesorado se organice nas chamadas Asembleas Abertas do Ensino Público, abrindo a campaña “Martes en loita”, para denunciar as carencias tanto en materia de profesorado de apoio como en infraestruras.
Este é o caso do IES Fernando Blanco de Cee, que se une á campaña para denunciar que a Xunta segue sen dar resposta efectiva ás problemáticas denunciadas no mes de xaneiro. O persoal docente posou hoxe nunha fotografía colectiva lucindo as camisetas “Ensino en loita”, como símbolo da continuidade das súas demandas.
Despois da publicación dun manifesto en xaneiro que detallaba as deficiencias das instalacións, o profesorado sinala que o centro e as súas persoas representantes continúan sen dispoñer de información concreta sobre o estado das xestións realizadas, os plans previstos ou os prazos estimados de actuación por parte de todas as Administracións responsables. Por iso, solicitan “transparencia, claridade e canles de comunicación máis áxiles”, dado que continúa sen existir comunicación oficial adecuada sobre as medidas a poñer en marcha.
Entre as problemáticas denunciadas, atópanse as filtracións de auga en diversas aulas, cubertas exteriores deterioradas ou problemas de climatización das instalacións. Aínda que comprenden que algunhas actuacións poden levar tempo, consideran “imprescindible” dispoñer de información que permita ao centro planificar o curso, organizar recursos e garantir o benestar do alumnado, persoal docente e non docente.
A comunidade docente subliña que estas accións non buscan confrontación, senón defender o dereito do alumnado a unha educación pública de calidade e reclamar os investimentos necesarios nun centro que forma parte do patrimonio educativo e histórico da Costa da Morte. “O 140 aniversario do IES Fernando Blanco merecía ser un evento de felicidade e festexo. Continuaremos mobilizándonos ata garantir o dereito do noso alumnado a aprender nun centro seguro, moderno e acorde ao século XXI”, afirman as persoas asinantes do manifesto.




