A Oficina de Turismo de Cee comeza a traballar a última semana de agosto


Cantas veces falamos da importancia de ter oficinas de turismo en funcionamento coordinadas por verdadeiros profesionais. Temos boas experiencias na bisbarra, como as oficinas de Malpica, a do Ézaro ou a do Faro Vilán, que ratifican o aumento da chegada de visitantes ano tras ano, e permiten ofrecer información importante para que o turista fique máis tempo na nosa bisbarra.
Lamentablemente temos máis exemplos negativos, nunha bisbarra que pretende facer do turismo un dos grandes motores económicos pero que non ten apenas un par de funcionarios especializados nos Concellos. A gran referencia fatídica é, sen dúbida, a do Faro Fisterra, que leva anos sendo un exemplo de pouca eficiencia. Un dos puntos máis visitados de Galicia debería servir de faro turísitico da bisbarra, sendo o lugar de chegada onde os visitantes reciban información suficiente para non querer dar volta e volver as cidades, se non ficar a pasar uns día por Muxía, Vimianzo, Dumbría, Carnota, Corcubión…
Outro dos puntos de referencia debería ser o Concello de Cee, punto por onde teñen que pasar si ou si visitantes e peregrinos. Un lugar ideal para servir de nexo de unión das comarcas de Fisterra-Soneira e Carnota-Muros. Pero as experiencias desa oficina de turismo que parece máis un quiosco da ONCE, agochada na praza 8 de Marzo detrás do Concello, non parecen moi esperanzadoras.
Este ano, a oficina comezou a traballar a última semana de agosto, en pleno declive da temporada estival. Durante os vindeiros 4 meses (setembro, outubro, novembro e decembro), dous especialistas estarán aportando información aos poucos peregrinos que pasarán polo medio da praza.
Algo curioso unha vez que noutros concellos levan dende o mes de xuño aproveitando as axudas que a Deputación publicaba en febreiro. Unha convocatoria para a nova contratación de técnicos especializados e titulados (o ente provincial asume o 100% do custe) pensada para o verán, pero ben é certo que o servizo se pode desenvolver ao longo do curso 2017.
Neste caso, Cee sacou a súa convocatoria o 26 de xuño, xa con pouco tempo para afrontar o verán, polo que os prazos metéronse enriba, obrigando a levar a cabo o servizo durante os últimos 4 meses do ano, en plena temporada baixa.
Novas relacionadas
- Agosto 2017: Malpica duplicou a súa ocupación turística en agosto gracias á Oficina de Turismo.
- Febreiro 2017: Novas axudas da Deputación para abrir as Oficinas de Turismo.
- Xaneiro 2017: O Turismo dumbriés medrou un 500% nos últimos 5 anos.
- Xaneiro 2017: Máis de 61.600 persoas visitan o faro Vilán durante o 2016
- Febreiro 2016: O Turismo na Costa da Morte medrou nun 21% entre 2012 e 2014.
- Decembro 2015: Os visitantes do Faro Vilán medran nun 20% entre 2013 e 2015.
- 2014: Oficina de Turismo: Pechada por vacacións.
- María José Mato: Relacións entre residentes e turistas: a turismofobia.
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).