Sábado. 04.05.2024
El tiempo

Antelo e Ferreiro agradecen a descentralizalización do programa cultural DAC-Outono da Deputación

Antelo e Ferreiro agradecen a descentralizalización do programa cultural DAC-Outono da Deputación
Fran Rei Manuel Antelo Goretti Sanmartin e Evencio Ferrero na presentacion do DAC-Outono Fran Rei, Manuel Antelo, Goretti Sanmartín e Evencio Ferrero na presentación do DAC-Outono da Deputación

Xa estivemos analizando o ambicioso programa DAC-Outono da Deputación que pasa por Cee, Carballo, Santa Comba e Vimianzo. Un programa que xa está deixando a súa impronta como comprobamos na #AxendaCostadaMorte desta propia fin de semana, coa visita de Carlos Blanco e Luís Davila a Vimianzo.

E precisamente, os alcaldes de Carballo, Evencio Ferreiro, e de Vimianzo, Manuel Antelo, quixeron participar na presentación do programa para recoñecer o esforzo da Deputación da Coruña por fomentar a “descentralización” da política cultural.

“Estabamos afeitos a unha política só para ámbitos urbanos e agradecemos que se programe para toda a poboación, para distintos sectores de idade e cunha filosofía como esta en que se mestura o ocio co coñecemento de persoeiros relevantes para a nosa identidade”, dixo Manuel Antelo para quen o DAC é un exemplo de que “existe unha forma distinta de entender o que é unha Deputación e como debe ser a relación cos concellos”.

Pola súa parte, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartin mostrou tamén a vontade de que o DAC-Outono Cultural “acabe sendo un referente de programación desestacionalizada e dirixida a todos os públicos”.

En representación de Culturactiva, Fran Rei manifestou a “emoción” que sinte pola alta “participación social” nas distintas iniciativas, en especial, naquelas en que se conta coa contribución de entidades e grupos locais e asegurou que co programa se estaba a “descubrir que temos figuras importantes das que nos sentir orgullosos”.

Tendes xa todo o programa costeiro en QPC e ademais podedes atopar máis información en outonocultural.dacoruna.gal.

Novas relacionadas

Fonte

  • Deputación da Coruña.

Comentarios