Cee acolle a segunda edición do Club de Saúde da AECC para persoas con cancro e as súas familias
A Xunta Local de Cee da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) informa da posta en marcha no municipio da segunda edición do Club de Saúde, un programa gratuíto dirixido a persoas con cancro e aos seus familiares que desexen mellorar o seu benestar físico, emocional e social mediante actividades prácticas e útiles para o día a día.
O Club iniciará a súa actividade o 8 de abril no centro de saúde de Cee, con sesións semanais os mércores, de 17:00 a 18:30, impartidas por profesionais especializados.
As sesións abordarán temas como a actividade física adaptada, a alimentación saudable, o autocoidado emocional, a xestión de medos e o acceso a información sociolaboral, ademais de propostas sociais que favorecen o benestar xeral e a creación de vínculos.
Aínda que o programa se desenvolve en Cee, tamén poden participar persoas doutros concellos próximos que desexen beneficiarse destas actividades. Os Clubs de Saúde forman parte dunha rede presente noutros puntos da provincia, como A Laracha, As Pontes, Boimorto, Cedeira, Coristanco, Curtis, Melide, Ortigueira, Rianxo e Vimianzo.
A participación é totalmente gratuíta. As persoas interesadas poden inscribirse a traves do centro de saúde, servizos sociais, AECC ou no teléfono 900 100 036.
As prazas son limitadas para garantir unha atención axeitada.