Poñen en marcha o Hospital de Día oncolóxico do HVDX, que evitará que o 60% das persoas con cancro da comarca teñan que desprazarse á Coruña
Ponse en marcha o anunciado o Hospital de día onco-hematolóxico do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee. Un servizo “xa construído, equipado, dotado de profesionais”, segundo sinalou hoxe no Parlamento a portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, ante as preguntas do voceiro do BNG, Oscar Insua. Insua levaba unha cuestión na que denunciaba que ”está todo o medicamento na estantería, pero os tratamentos aínda non se empezaron a dar”.
Con todo, Amigo destacou que a Xunta investiu 88.500 euros nas obras e equipamento dun hospital de día que conta con catro postos totalmente operativos e supervisados polo Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital de A Coruña. “Estamos ante un servizo novo, funcional, rigoroso e seguro, que realiza control de toxicidade, seguimento clínico, consultas de soporte, atención de enfermería oncolóxica e tratamentos de baixa complexidade”, concretou.
E o máis importante: “A unidade vai permitir que o 60 por cento das persoas con cancro da Costa da Morte eviten desprazarse ao Hospital de A Coruña para tratamentos e seguimentos”.
Amigo lembrou tamén os 326.000 euros que figuran nos orzamentos para o vindeiro ano que se destinarán ao novo mamógrafo, que permitirá reforzar o diagnóstico precoz e mellorar a capacidade asistencial nesta área.
Pola súa parte, Insua finalizou a súa intervención reivindicando "dignidade" para a comarca e lembrando que a loita non é só por este servizo, senón por dotar ao hospital doutras especialidades deficitarias como psiquiatría, ADU, urxencias 24 horas, neuroloxía ou cardioloxía completa, para deixar de ser "un hospital de terceira" e convertelo dunha vez por todas, nun "hospital de primeira”.
