mércores. 22.10.2025
El tiempo
Patricia Vaquero
08:39
22/10/25

Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real

Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real

O domingo 19 de outubro, conmemorouse o Día Internacional do Cancro de Mama. Un día que serve para lembrar a importancia da detección precoz, da investigación e do acompañamento ás mulleres que o sofren. Pero tamén, e sobre todo, para poñer o foco onde debe estar: nas pacientes, mulleres con nome e apelidos que cada día conviven con medo, dor, incerteza, cun corpo que cambia e cunha vida que se transforma.

Cada 19 de outubro o mundo énchese de cor rosa. Campañas, produtos, publicidade... O chamado pinkwashing converteuse nun escaparate anual onde marcas, empresas e institucións instrumentalizan e fan caixa a costa dunha enfermidade que afecta case exclusivamente ás mulleres: o 99 % dos casos. 

 A realidade é moito máis dura do que as campañas nos contan. Segundo datos da Rede Española de Rexistros de Cancro (REDECAN) e da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), en 2024 diagnosticáronse en España 36.395 novos casos de cancro de mama en mulleres, o que equivale a 100 diagnósticos diarios. É o tumor máis frecuente entre as mulleres e tamén unha das principais causas de morte por cancro feminino. Cada ano falecen entre 6.500 e 6.800 mulleres, unha media de 18 cada día, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE).

E aínda que a supervivencia mellora grazas á detección precoz e á medicina, o 30 % das pacientes desenvolverá metástase ao longo da enfermidade, e arredor dun 5-6 % son diagnosticadas xa en fase metastásica. Isto tradúcese en máis de 10.000 mulleres cada ano convivindo cun cancro de mama metastásico, o que supón un gran impacto físico, emocional e social, e unha urxencia pendente para a investigación.

E mentres tanto, o sistema sanitario público segue sufrindo un desmantelamento progresivo. O que está pasando en Andalucía é só un exemplo do que ocorre noutros lugares: mulleres que esperan meses —as veces un ano enteiro— para recibir un diagnóstico, mentres os seus corpos dan sinais evidentes de alerta. Mulleres ridiculizadas, cuestionadas, ás que se fai sentir esaxeradas. Coñezo un caso moi de preto: Unha das persoas que máis quero viviu esa espera interminable, un ano de incerteza e de impotencia. Un ano de dúbidas, de incompetencia, de erros y desgana sostida no tempo, de sentir que o sistema non funcionaba.  

E iso tamén é violencia. Porque cando a sanidade pública falla, as consecuencias recaen, unha vez máis, sobre as mulleres.

Por iso, necesitamos unha mirada máis ampla, máis social e máis política. Cun aumento do investimento público dende unha mirada que coloque a investigación como eixo central, que garanta o acceso equitativo á sanidade pública, que mellore os recursos e dea medios ás profesionais e acompañamento ás pacientes. Onde o rigor e a seriedade substitúan o marketing e a cosmética rosa.

Precisamos recursos, rigor e compromiso. Porque non hai nada de rosa nesta enfermidade, nin nada de simbólico na dor das mulleres que a sofren.

O verdadeiro símbolo é a vida, e iso nin se compra nin se vende.

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero

Comentarios