A CIG califica de “burla” a celebración dos “120 anos de XEAL”
- Denuncian o respaldo político dado a este evento publicitario, cando aseguran “a empresa (grupo Energo-Pro) está incumprindo as cláusulas das concesións e levando a ambas factorías a súa ruína total”.
Asistía algo perplexa a comarca este pasado mércores a unha celebración calificada como o “o 120 aniversario de XEAL”. A empresa polaca Energo-Pro, que leva 5 rexendo unha factoría centenaria, apenas lle cambiou o nome a XEAL en 2020. A historia da que foi toda vida Carburos, e Ferroaltántica dende os 90 ata a segunda década do novo século, de contado convertíase no “120 aniversario de XEAL”.
Non faltou unha soa personalidade. Representantes do Goberno central, da Xunta, da Deputación, dos concellos da comarca, non quixo faltar ninguén para poñer a empresa ceense como un exemplo da transformación Industrial en Galicia. Foron caendo os millóns que as administracións levan deixado nos últimos anos na empresa (só o Ministerio leva entregados en axudas de descarbonización 22 millóns de euros en axudas nos últimos anos) ante a mirada atónita dos traballadores, que levan loitando por emprego digno durante anos.
Por iso, a sección sindical da CIG en XEAL cualifica de "impresentábel" e de "burla" a toda as traballadoras e traballadores o acto propagandístico realizado pola empresa con motivo da conmemoración dos 120 anos da fábrica de Cee. Denuncian o respaldo político dado a este evento publicitario, cando aseguran “a empresa (grupo Energo-Pro) está incumprindo as cláusulas das concesións e levando a ambas factorías a súa ruína total”.
A CIG pide ás mesmas administracións que amosaron o seu apoio rotundo á empresa que lle esixan a XEAL que cumpra coas cláusulas de vinculación da actividade industrial e de produción de enerxíac, om o xa ratificou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A sección sindical lembra que “dende a operación de compra-venda argallada no 2019 entre FerroGlobe e o fondo TPG-Ithaka, que deixou as fábricas de ferroalixes como unha maquila, téñense destruído 70 postos de traballo directos e arredor duns cen indirectos, ao que hai que engadir todo o emprego perdido nas industrias auxiliares. A produción das factorías está ao 20% da súa capacidade real, xa que só hai dous fornos operativos, e non existe un calendario de rearranque dos fornos”.