O TS ratifica a nulidade do ERTE aplicado por XEAL entre abril e xuño de 2020
- O Comité retoma este xoves as mobilizacións.

XEAL foi a única industria electrointesiva que se acolleu a un ERTE por causa da pandemia. Malia que o sector tivo a consideración de esencial, e mentres o resto de industrias traballaban a pleno rendemento aproveitando o baixo custe da enerxía, a empresa costeira pechaba as portas entre abril e xuño de 2020 aplicando un ERTE que afectaba a 213 traballadores e traballadoras das fábricas de Cee e Dumbría e das centrais hidroeléctrica e a outras 18 persoas de Operacións e Mantemento.
Un ERTE implantado de forma unilateral por causas organizativas que foi denunciado polo Comité de Empresa, e que O TSXG anulaba en abril de 2021. A dirección presentou un recurso de casación ante o Tribunal Supremo, pero este vén de desestimalo.
Con esta resolución (que esgota a vía xudicial) o Supremo ratifica o que a CIG mantivo durante toda a negociación: “que non existían causas organizativas e que o único que buscaba a empresa era aproveitarse da pandemia para aforrar cartos e avanzar no plan de recorte da produción”.
Segundo o Comité, “no auto do TS constátase a mala fe da empresa durante todo o período de consultas ao non facilitar toda a documentación requirida pola parte social para o desenvolvemento das negociacións, chegando incluso a ocultar información de relevancia como a substitución da produción do forno 14 (de silico manganeso) polo forno 12 (de ferro silicio)”.
”A aplicación deste ERTE é unha evidencia máis da fraude que supuxo a operación de venda do complexo industrial e enerxético”, repite por enésima vez a CIG, que pide á Xunta que obrigue a XEAL a cumprir coas cláusulas concesionais de acordo aos termos interpretados pola sentenza do TSXG do 5 de novembro de 2020.
Mobilizacións
Mentres os traballadores volven ás rúas para esixirlle á empresa un plan industrial e de viabilidade das fábricas, que recupere todo o emprego destruído nos últimos anos e que aplique o convenio colectivo propio actualizado. A primeira mobilización terá lugar este xoves, 15 de setembro, en Compostela cunha manifestación que sairá ás 11:00 horas da entrada principal do edificio Xunta de Galiza e rematará diante das oficinas de Augas de Galiza, situadas na Praza Camilo Díaz Baliño.
TODAS AS NOVAS RELACIONADAS CON XEAL
- Setembro 22: Volven as mobilizacións dos traballadores de XEAL.
- Agosto 2022: O comité de XEAL solicita reunións cos grupos parlamentares, concello de Mazaricos e a Xunta.
- Agosto 22: O Comité de XEAL volve denunciar o intento de segregación entre a produción hidroeléctrica e industrial.
- Agosto 22: Unha estación de bombeo ameaza a riqueza natural do monte da Ruña, o cumio máis alto da Costa da Morte.
- Abril 21: O TSXG anula o ERTE de XEAL.