O Comité de XEAL, sorprendido do “descoñecemento” de Alfonso Rueda da crítica situación das fábricas
Aproveitando a visita do presidente da Xunta a Cee para a presentación de Jesús Picallo como candidato á alcaldía, o Presidente do comité de empresa de XEAL quixo alcanzalo para facerlle entrega dun escrito mentres lle fixo un resumo da situación das fábricas e do emprego.
Alfonso Mouzo quedouse sorprendido do “descoñecemento” que da situación tiña o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Aproveitou Mouzo para lamentar tamén a deriva pola que a Xunta acaba de deixar sen práctico os portos de Corcubión e Cee, ou trasladar o guindastre de Brens, “facilitando así os plans de desmantelamento de XEAL, ao deixar o porto de Brens inutilizado para poder descargar a materia prima”. “A Xunta de Galiza polo tanto, faise cómplice deste desmantelamento con esta decisión de deixar inoperativo o porto e consinte as ilegalidades de XEAL ao non obrigarlle a cumprir coas cláusulas das concesións", reitera o comité.
As fábricas
No escrito entregado o Comité expón “a crítica situación das fábricas e do emprego debido aos reiterados incumprimentos das cláusulas concesionais por parte da empresa”, e reclámalle a Rueda que, “como máxima autoridade do Goberno galego, inste a XEAL a presentar un plan industrial e de viabilidade e garanta que calquera autorización administrativa para incrementar a produción eléctrica cumpra escrupulosamente co estabelecido nas cláusulas concesionais”.
O comité apela “á responsabilidade da Xunta de Galiza no futuro industrial da comarca, por canto o dereito de explotación das centrais da Costa da Morte ten unha condición esencial -e única no contexto dos aproveitamentos hidráulicos en Galiza-, que é a súa vinculación co mantemento do emprego nas fábricas de Cee e Dumbría”. E “é precisamente a administración galega a que ten a potestade de autorizar ou retirar ditas concesións”.
"Non se podería entender que a Xunta, que leva anos ignorando as demandas do comité para intervir ante os ataques da empresa ao emprego e ás condicións laborais, lle consinta agora a XEAL seguir engordando os seus beneficios a conta do prezo da luz, mentres destrúe postos de traballo, recorta a produción e leva as fábricas á ruína", subliñan.