O Club Arte e Movemento viaxa a competir a Boloña coa axuda de empresas costeiras

A familia de Arte e Movemento presentou este martes no Salón de Actos da Casa da Cultura de Cee a súa viaxe para participar no Universal Dance Championships, que se vai celebrar do 12 ao 15 de xuño en Boloña (Italia). Un acto que serve de agradecemento ás dúas empresas que se suman como colaboradores principais do club: Clínicas Baldomar e Gerca.
Grazas á súa colaboración, nove deportistas do club viaxarán ata Italia para estar nun dos eventos internacionais máis relevantes na especialidade de bailes caribeños. A competición e permitirá aos mozos e mozas do club medirse cos mellores deportistas do mundo en salsa, bachata e merengue.
No acto interviñeron representantes das dúas empresas patrocinadoras, as deportistas Laura Marcote e Alba Mourelle, a concelleira de Cultura de Cee, María Luisa Rodríguez, e a directora do club, Graciela Toba.
Durante a presentación, Toba destacou que, ademais destes dous colaboradores principais, o club conta cunha rede de case 100 empresas colaboradoras, así como co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Cee, aínda que as axudas públicas non cobren nin un terzo dos custos reais de competición. “Cada colaboración conta, cada xesto suma”, sinalou a presidenta, quen agradeceu o apoio recibido e puxo en valor o esforzo colectivo que mantén viva a actividade do club.