A Conferencia Internacional Starlight de Astroturismo comeza lembrando as responsabilidades das administracións
Chegou por fin a data da II Conferencia Internacional Starlight de Astroturismo, que este ano acolle a Costa da Morte. A casa da Cultura de Cee acollía a xornada inaugural esta tarde de mércores 2 de outubro, e ata o venres 4, a comarca será o centro do astroturismo de toda España. Unhas xornadas que contan con 50 ponentes, varias mesas redondas e ata 1000 participantes de todo o planeta.
Organizada pola Fundación Starligth co apoio da Deputación da Coruña, a Costa da Morte quere estrear a consecución do selo, recibindo a representantes de territorios certificados Starlight e profesionais especializados para intercambiar experiencias, discutir temas asociados ao astroturismo e establecer pautas para o futuro.
Representantes políticos e da propia Fundación organizadora coincidiron na súa aposta polo Astroturismo como motor de desenvolvemento sostible nun territorio como Galicia. Pero o máis importante, destacaron que esta certificación pode ser un paso para traballar pola conservación do ceo nocturno, concienciando e sensibilizando na regulación da contaminación lumínica.
Esperamos que os representantes municipais alí presentes tomasen boa nota, porque a Costa da Morte foi a primeira protagonista. Falou o presidente da CMAT e alcalde de Zas, Lolo Muíño, que fixo un repaso ás accións levadas na comarca como a creación de miradoiros estelares, unha viaxe por estrada de astroturismo para xornalistas e, especialmente, xornadas de concienciación sobre a contaminación lumínica. ”As administracións públicas deben pensar a longo prazo na contaminación lumínica, que quita o recurso do ceo”.
Pola súa parte, o vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, destacou no acto a importancia de “preservar o ceo e o planeta”. “Estamos nun país de vagalumes; Galicia conta con 30.000 núcleos de poboación, e debemos buscar o equilibrio entre saber iluminar mellor os espazos e, ao mesmo tempo, que a luz nos deixe ver o ceo”.
Reiteirou a necesaria implicación de todas administracións, deixando claro que o selo “supón un camiño de oportunidades, pero tamén a responsabilidade de preocuparnos pola conservación do planeta”. Neste sentido, “debemos tomar conciencia de que non é so un certificado, senón tamén o compromiso de mellorar a iluminación para que sigamos tendo ese privilexio de ter uns ceos limpos”.
Lembrou o fermoso acto de irmandamento solpor-mencer con Xapón, e xa puxo o punto de mira en agosto do 2026, cando terá lugar un “eclipse único”.
Outra das voces costeiras que participaron como ponentes foi a técnica de Cultura de Vimianzo, e monitora astroturística Starlight na comaca, Nieves Lema, que destacou as múltiples propostas e actividades levadas a cabo no Concello soneirán para a promoción do astroturismo, como as actividades de observación de estrelas ou o campamento VimiAstronomía. "En Vimianzo traballamos dende hai anos para achegar o noso ceo, un lenzo infinito a todxs os nosos veciños e veciñas, para que os nenos e nenas coñezan os segredos que agocha, e que os maiores se reencontren coas estrelas, a lúa, o plenitude da vía láctea... e que todxs sexamos os embaixadores para achegarlle ese lenzo infinito a visitantes... unha experiencia única onde o corazón da Costa da Morte vibra coas estrelas", relatou.
Falou tamén a Directora Fundación Starlight, Antonia Varela, e a sesión remataba cunha mesa redonda con experiencias vividas en Ávila, no deserto da Tatacoa en Colombia ou a rexión de Coquimbo en Chile.
As xornadas continúan xoves e venres como podedes comprobar no programa.