Venres. 03.05.2024
El tiempo

A Costa da Morte acollerá en outubro o próximo VII Encontro Internacional Starlight

Para dar esta importante noticia, a CMAT ofreceu unha rolda de prensa este xoves nas Torres do Allo de Zas na que participaron varios membros da súa Xunta Directiva: Manuel Muíño, o seu presidente; María Lema, a vicepresidenta; Pepe Formoso; secretario e Damián Álvarez, vogal.
Para dar esta importante noticia, a CMAT ofreceu unha rolda de prensa este xoves nas Torres do Allo de Zas na que participaron María Lema, a vicepresidenta; Pepe Formoso, o secretario; Manuel Muíño, o seu presidente; e Damián Álvarez, vogal.
A Costa da Morte acollerá en outubro o próximo VII Encontro Internacional Starlight

Continúa a Asociación Turística Costa da Morte (CMAT) espallando o noso ceo e sacando valor ao certificado como Destino Turístico Starlight.

A entidade anunciaba esta mañá que a Costa da Morte vén de ser escollida como sede para o VII Encontro Internacional Starlight. A Fundación organizadora tomou
esta decisión tras unha revisión de 9 candidaturas de diferentes Destinos Turísticos Starlight do mundo. 


Durante esta rolda de prensa, Manuel Muíño, presidente da CMAT e alcalde de Zas, destacou que un dos aspectos polos cales a Fundación Starlight escolleu esta candidatura foi o feito de ser un destino novo e ilusionado: “É algo importantísimo para nós, unha gran sorpresa. Espéranos un gran traballo por diante, pero cunha gran ilusión polo que vai representar para a Costa da Morte e Galicia un congreso deste estilo”.

Pepe Formoso, presidente de APTCM, membro da Xunta Directiva da CMAT, resaltou a importancia da cohesión entre as administracións, o sector privado e os medios de comunicación: “Nós non traballamos independentemente. Somos un todo. Tanto os 17 concellos como os empresarios e tamén os medios de comunicación, que ao final son quen contan as historias. É unha gran oportunidade”.

Para afrontar este fito, será crucial o papel da Mesa Starlight no proceso de toma de decisións e na coordinación dos diferentes axentes implicados na organización do congreso. Esta Mesa está formada por parte dos membros da Xunta Directiva da CMAT e a súa secretaría técnica, ademais de membros honoríficos como Turismo de Galicia, Deputación da Coruña, Jorge Mira da USC, Mavi Lezcano da UDC e Antonia Varela, da propia Fundación Starlight.

O Encontro

Esta edición de 2024 prevese especialmente relevante, xa que coincidirán, nunha mesma data, a celebración do VII Encontro Starlight de Astroturismo e o V de Guías e Monitores Starlight coa II Conferencia Internacional Starlight de Astroturismo, que ten lugar cada 3 anos. Terá lugar entre o 1 e o 5 de outubro deste ano.
O Encontro Internacional Starlight reúne anualmente a profesionais, empresas, entidades públicas e privadas, medios de comunicación, monitores e guías Starlight, centrando o seu enfoque nos eixes transversais da Fundación Starlight: astroturismo, desenvolvemento sostible local, patrimonio natural e cultural vinculado á luz das estrelas, protección do ceo e difusión da astronomía.

Nas súas anteriores edicións, este evento celebrouse en lugares tan diversos como Gredos (Castela e León), Menorca (Baleares), Mosteiro de El Olivar (Aragón), Évora (Portugal) ou Fuencaliente de La Palma (Canarias). O pasado encontro de 2023, no que a Costa da Morte foi o único Destino Starlight de Galicia que participou como relator, tivo lugar en Cuenca, atraeu a máis de 200 participantes e, ano tras ano, demostra ser un evento de gran
impacto económico e social no territorio.

 

Máis novas

Comentarios