mércores. 30.04.2025
El tiempo

A Conferencia Internacional Starlight de Astroturismo comeza lembrando as responsabilidades das administracións

II  Conferencia Fundacion Starlight en Cee
A Conferencia Internacional Starlight de Astroturismo comeza lembrando as responsabilidades das administracións

Chegou por fin a data da II Conferencia Internacional Starlight de Astroturismo, que este ano acolle a Costa da Morte. A casa da Cultura de Cee acollía a xornada inaugural esta tarde de mércores 2 de outubro, e ata o venres 4, a comarca será o centro do astroturismo de toda España. Unhas xornadas que contan con 50 ponentes, varias mesas redondas e ata 1000 participantes de todo o planeta.

Organizada pola Fundación Starligth co apoio da Deputación da Coruña, a Costa da Morte quere estrear a consecución do selo, recibindo a representantes de territorios certificados Starlight e profesionais especializados para intercambiar experiencias, discutir temas asociados ao astroturismo e establecer pautas para o futuro.

Representantes da Costa da Morte na Conferencia Starlight
Comitiva da Costa da Morte na Conferencia Starlight

Representantes políticos e da propia Fundación organizadora coincidiron na súa aposta polo Astroturismo como motor de desenvolvemento sostible nun territorio como Galicia. Pero o máis importante, destacaron que esta certificación pode ser un paso para traballar pola conservación do ceo nocturno, concienciando e sensibilizando na regulación da contaminación lumínica.

Esperamos que os representantes municipais alí presentes tomasen boa nota, porque a Costa da Morte foi a primeira protagonista. Falou o presidente da CMAT e alcalde de Zas, Lolo Muíño, que fixo un repaso ás accións levadas na comarca como a creación de miradoiros estelares, unha viaxe por estrada de astroturismo para xornalistas e, especialmente, xornadas de concienciación sobre a contaminación lumínica. ”As administracións públicas deben pensar a longo prazo na contaminación lumínica, que quita o recurso do ceo”.

Lolo Muino na Conferencia Starlight-Foto-Diego Casillas turismodeestrellas.com
Lolo Muiño na Conferencia Starlight-Foto-Diego Casillas de turismodeestrellas.com
Xose Regueira na Conferencia Starlight
Xosé Regueira na Conferencia Starlight

Pola súa parte, o vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, destacou no acto a importancia de “preservar o ceo e o planeta”. “Estamos nun país de vagalumes; Galicia conta con 30.000 núcleos de poboación, e debemos buscar o equilibrio entre saber iluminar mellor os espazos e, ao mesmo tempo, que a luz nos deixe ver o ceo”.
Reiteirou a necesaria implicación de todas administracións, deixando claro que o selo “supón un camiño de oportunidades, pero tamén a responsabilidade de preocuparnos pola conservación do planeta”. Neste sentido, “debemos tomar conciencia de que non é so un certificado, senón tamén o compromiso de mellorar a iluminación para que sigamos tendo ese privilexio de ter uns ceos limpos”.
Lembrou o fermoso acto de irmandamento solpor-mencer con Xapón, e xa puxo o punto de mira en agosto do 2026, cando terá lugar un “eclipse único”.

Nieves Lema nas conferencias Starlight
Nieves Lema nas conferencias Starlight

Outra das voces costeiras que participaron como ponentes foi a técnica de Cultura de Vimianzo, e monitora astroturística Starlight na comaca, Nieves Lema, que destacou as múltiples propostas e actividades levadas a cabo no Concello soneirán para a promoción do  astroturismo, como as actividades de observación de estrelas ou o campamento VimiAstronomía. "En Vimianzo traballamos dende hai anos para achegar o noso ceo, un lenzo infinito a todxs os nosos veciños e veciñas, para que os nenos e nenas coñezan os segredos que agocha, e que os maiores se reencontren coas estrelas, a lúa, o plenitude da vía láctea... e que todxs sexamos os embaixadores para achegarlle ese lenzo infinito a visitantes... unha experiencia única onde o corazón da Costa da Morte vibra coas estrelas", relatou.

Falou tamén a Directora Fundación Starlight, Antonia Varela, e a sesión remataba cunha mesa redonda con experiencias vividas en Ávila, no deserto da Tatacoa en Colombia ou a rexión de Coquimbo en Chile.

As xornadas continúan xoves e venres como podedes comprobar no programa.

Máis novas

Comentarios