Venres. 03.05.2024
El tiempo

”É necesario iluminar aquí? Cómpre repensar a noite”

Xornadas de contaminacion luminosa en Corme
Salva Bará, Alfonso Cruz, Martin Pawlye e Suso Lista
”É necesario iluminar aquí? Cómpre repensar a noite”

Interesantísima a charla que mantiveron onte no Museo de Arte Contemporáneo da Costa da Morte de Corme Salva Bará (profesor xubilado da USC), Alfonso Cruz (o alcalde cormelán de Xenebra, co que publicaremos unha entrevista os vindeiros días) e Martin Pawlye (da Agrupación Astronómica Ío,) no marco das III Xornadas de Contaminación Luminosa organizada pola Asociación Insua de Viastela.

Foi Suso Lista o presentador das xornadas que levan por título “Ecoloxía e Política” intentando trasladarlle precisamente aos nosos políticos, a importancia de coidar a iluminación das nosas vilas, sobre todo tendo en conta o novo interese do sector turístico por afianzar a comarca como destino Starlight, un selo visto con moitao desazón por parte dos presentes.

Máis presenza, en calquera caso, de políticos nun ateigado salón, con dúas das actuais concelleiras de Ponteceso, e @s voceir@s do BNG de Ponteceso e de Malpica. Ademais había algún empresario do sector turístico da comarca como Pepe Mira, enxeñeiros, ecoloxistas como Fins Eirexas de ADEGA, empresarios de construtoras de obra pública, veciñanza e visitantes.

Sesion no MACCMO de Corme
Gran acollida no fermoso espazo do MACCMO de Corme

”É necesario iluminar aquí?” O Plan Lumiere

Fantásticas as intervencións de Salva Bará, que comezou formulando a necesidade de que a sociedade se formule a gran pregunta antes de poñer puntos de luz: “É necesario iluminar aquí? Esa é a gran revoluciñon do mundo da iluminación”, sinalou.

Xunto con Pawlye, parabenizaron a Cruz polo pioneiro Plan Lumiere, o mellor plan dunha cidade feito en materia de iluminación do mundo que está implantando a cidade de Xenebra. “Emocioneime ao ler o Plan, e mira que é complicado emocionarse cun documento municipal, pero é que recolle idealmente o que levamos pensando a comunidade científica nos últimos 20 anos en materia de iluminación urbana”, sinalou Bará.
O cormelán explicou as fases, as vicisitudes que se foron atopando para analizar a problemática nunha cidade cos mesmos habitantes que A Coruña, pero cunha densidade de poboación que duplica a coruñesa (13.000 habitantes por km2). “Se se puido facer en Xenebra, pódese facer en calquera cidade da Coruña”.
Así o Plan, tras unha primeira fase formulada máis no aforro enerxético, atópanse nunha segunda máis centrada na biodiversidade, cunha singular iniciativa de implantar microbosques para crear corredores escuros, que entren dende fóra e a atravesen a cidade, tendo en conta aspectos como a seguridade, nomeadamente das mulleres.

A primeira parte da conversa tivo tempo para o urbanismo. “As cidades están pensadas para os homes e para os coches, en función das reglas que Ford impuxo hai xa 100 anos, coa revolución do automóbil”, lembrou Bará, instando aos nosos representantes a formularse esta outra pregunta. “Se na casa coidamos a iluminación para facer estancias máis acolledoras, por que non o facemos nas cidades?”.

”Repensar a noite”

E nesa liña afondaron sobre a necesidade de “Repensar a noite”. “As luces dos coches, por exemplo, crean tensión, e de feito isto tamén é importante para a saúde.

No marco desta reflexión, saiu a colación os dous formatos de noites formulados a día de hoxe en occidente: o de cidades do produtivismo, que funcionan 24 horas igual (como Londres, NYC…) ou as cidades que escollen a noite para durmir, como Xenebra, Barcelona… ”Non durmir é a peor das torturas”, lembrou Cruz, ao non lle gusta a idea da creación da figura do “Alcalde da noite” por ter implícita unha asignatura alonxada do decrecemento.

Destino Starligh: Proxecto Piloto no porto de Corme

Sacou Suso Lista o asunto do Selo Starlight no que está inmerso a Costa da Morte, formulándose a necesaria pregunta de que se a comarca quere ser potencia na materia ten que traballala, e hai ducias de exemplos que o contradí. Consideran o selo un "chiringuito" e piden que "primeiro se actúe e logo se pida" en relación ás numerosas carencias que ten a comarca en materia de iluminación. Pediu que Corme quede fóra do selo así como colaboración para crear un proxecto piloto, un mini Plan Lumiere, no porto de Corme, no que habería que baixar a altura das farolas, que iluminen en paralelo ao chan e con luz só para abaixo… cousas moi básicas.

NOVAS RELACIONADAS

OUTRAS NOVAS SOBRE O DESTINO STARLIGHT

Comentarios