“Con esforzo e dedicación, por máis obstáculos que haxa, todo se consigue”

Álex Muíño nun partido no San Paio de Refoxos-Foto-Jorge Parri

A raíz da visita ao IES Fernando Blanco, e de trasladarlle á mocidade da ESO a posibilidade de escribir as súas experiencias, os seus artigos, en QPC, un dos seus alumnos amosou o seu interese para contar, en primeira persoa, como está vivindo, como xogador do U.C. Cee, a súa lesión, un momento duro, pero que lle está axudando a madurar. Aquí vos deixamos con el.

O meu nome é Álex Muíño Rodríguez, teño 16 anos e son xogador do Unión Club Cee. O día 24 de setembro de 2023 sufrín unha grave lesión na rodilla, no encontro da Liga da Costa de categoría cadete, Cee vs Soneira. Nun lance do xogo no minuto 35 de partido tiven que abandoar o campo.

Tras pasar unha serie de probas comunicáronme que tiña o ligamento cruzado e o menisco roto, e polo tanto tiña que pasar por quirófano. Esta noticia sentoume fatal a nivel de ánimos e deron lugar a un montón de preguntas. O único remedio que me quedou foi asumilo da mellor forma e intentar animarme co apoio de toda a miña xente.

O día da operación achegábase e os nervios ían aumentando, sempre tes ese medo a que algo poda saír mal e que che arruine algo que para min é o motivo da miña felicidade, o fútbol. O día chegou e a verdade que estaba moi nervioso. O trato no hospital foi espectacular e por sorte todo saíu ben a pesar dalgunha complicación. Sabía que a partir de agora tiña que traballar duro para volver a xogar, pero sempre con moita paciencia e facendo todo o mellor posible.

A primeira semana despois da operación é moi dura, pola dor que tes e porque te ves case sen poder facer nada. Pero grazas a cantidade de visitas que tiven conseguín estar entretido. Pouco a pouco fun collendo hábitos e volvendo a ser eu, aínda que o que máis cansaba eran as muletas. Tras a retirada das grapas, cando cumplín o primeiro mes, sentinme moito máis libre e con ganas de comezar o traballo duro.

Un dos motivos que me dou as forzas para seguir adiante foron os meus nenos do Alevín A do Unión Club Cee, aos que acompañei toda a temporada e que me fixeron desfrutar do fútbol dunha maneira distinta.

A día de hoxe tras case 6 meses despois da operación, aprendín e madurei moitísimo. Aprendín que todo esforzo e traballo duro ten a súa recompensa e que siempre vai a haber malos momentos, dos que vas acabar aprendendo. Aprendín tamén a valorar cousas moi simples como andar e correr, e sobre todo esto xa é unha mensaxe que quero dar a todo o mundo que poda estar pasando por isto. Se de verdade queres recuperarte e gústache o que fas, nunca dudes en esforzarte e dar o máximo de ti, porque cando o consigas daráste conta de moitas cousas e saberás valorar moito máis o que estás a facer.

Nestes momentos atópome nos ultimos meses da recuperación, xa non queda nada para volver a tocar o balón e simplemente disfrutar do que máis me gusta facer durante moitos anos máis.

  • Álex Muiño. Alumno do IES Fernando Blanco e xogador do U.C. Cee