Venres. 29.03.2024
El tiempo

Ferrotlántica, condenada por obrigar a manter servizos mínimos abusivos durante a folga do ano pasado

Ferrotlántica, condenada por obrigar a manter servizos mínimos abusivos durante a folga do ano pasado
Piquete informativo en Ferroatlantica Imaxe dun dos días de folga do pasado ano en Ferroatlántica

A Xustiza vén de condenar a Ferroatlántica Grupo Villar Mir por vulnerar o dereito fundamental dos seus traballadores e traballadoras á folga. Faino por ter decretado un servizos mínimos abusivos para a xornada de paro de 24 horas que tivo lugar o 8 de xullo nas fábricas de Cee, Dumbría e as Centrais Hidroeléctricas, no marco das mobilizacións levadas adiante polo persoal contra a segregación e venda das centrais.

A CIG xa anunciara no seu momento que ía recorrer a actividade laboral decretada de maneira unilateral, pois consideraban que excedía as necesidades básicas para garantir a seguridade e mantemento das instalacións durante a xornada de paro, e “unicamente buscaba impedir o dereito dos traballadores e traballadoras a participar na mesma”.

Os sindicatos presentaran unha proposta de servizos mínimos, pero a empresa decretou uns servizos mínimos que lle garantiron manter a produción, ao ter en activo os cinco fornos a case máxima potencia, e de maneira que se seguira superando en conxunto os 90Mw por hora de potencia. Para xustificar semellante actividade nun día de folga, Ferroatlántica escudábase en que baixar a potencia poría en risco “o compromiso de interrompibilidade” e exporíase a posíbeis sancións.

Pero a resolución demonta eses argumentos sinalando que agochan o "interese empresarial de manter un nivel de rendemento igual o similar ao de calquera outra xornada na que non se tivera declarado folga”.

Ao igual que acontecera na xornada de folga do 10 de marzo, para a CIG “os servizos mínimos impostos por Ferroatlántica só buscaban imposibilitar a participación dos traballadores e traballadoras no paro e na manifestación que para ese día estaba convocada en Compostela, na que miles de persoas amosaron con rotundidade o rexeitamento á segregación e venda das centrais”.

Historia do Caso Ferroatlántica

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios