Luns. 18.11.2019
El tiempo

O Teniente alcalde de Cee explica a súa posición sobre a Escola de Música

O Teniente alcalde de Cee explica a súa posición sobre a Escola de Música

Está xerando polémica a privatización da Escola de Música de Cee. As arcas municipais parece que obrigan ao Concello a impoñer taxas, e aí é onde o teniente alcalde, Daniel Oca, quere explicar a situación. Para iso enviou aos medios esta carta:

Daniel Oca: "Música para Cee"

As persoas que formamos parte da Asemblea Nacionalista de Cee (ANC) acreditamos que a mellor maneira de prestar os servizos públicos básicos do estado de benestar (sanidade, educación e servizos sociais) é mediante a xestión pública directa por parte da administración. Consideramos que se trata de dereitos básicos que deben ser prestados con carácter universal e que non deben respostar a lóxica empresarial do libre mercado. Polo tanto, queremos manifestar que a externalización da Escola de Música non responde a un acto voluntarista, ás preferencias [email protected] [email protected] da ANC, senón ás abrigas que nos impón a lei. E dicimos externalización porque o concello establece un límite na taxa pola prestación deste servizo e porque hai unha aportación municipal que cubre a diferencia entre ingresos e gastos para que a escola poda seguir funcionando (isto non sucede nas privatizacións).

A lexislación estatal, aprobada polo Partido Popular, non permite a contratación de persoal temporal. Concretamente, o artigo 3.2 do Real Decreto-Lei 20/2011, de 30 de decembro, dispón que “durante o ano 2012 non se procederá á contratación de persoal temporal… salvo en casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaplazables que se restrinxiran aos sectores, funcións e categorías profesionais que se consideren prioritarios ou que afecten ao funcionamento dos servizos públicos esenciais”.

Nós consideramos esta lexislación inxusta, posto que penaliza ás persoas que foron contratadas fraudulentamente polas administracións, en lugar de penalizar aos que asinaron eses contratos. Sen embargo, o descordo cunha lexislación non exime do seu cumprimento, polo que nos vemos obrigados a externalizar a xestión da Escola de Música Municipal.

En canto ás persoas contratadas na actualidade na Escola de Música de Cee, 9 delas rematan contrato en xuño a lei impide contratalas novamente. As 3 persoas restantes foron contratados continuamente con prorrogas irregulares que supoñen un fraude de lei. En lugar de sacar as prazas a concurso e garantir a igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público como debera ser.

A situación actual da Escola de música é consecuencia de varios factores:

  • O momento económico que atravesa o concello. A política de gasto compulsivo do anterior goberno municipal incrementou considerablemente a débeda municipal. A 31 de decembro de 2011 o concello de Cee debía máis de 3 millóns de euros, entre débeda a curto e longo prazo. En menos de tres anos formalizáronse dous créditos de 800.000 euros. A amortización destes préstamos e os seus intereses limita considerablemente a capacidade de prestar servizos do Concello de Cee. Os cartos que agora faltan para seguir prestando servizos foron derrochados en soldos (máis de medio millón de euros no pasado mandato municipal de IxCee e PSOE), asesores esternos, colas de balea, vidrieiras, festas de todo tipo e obras suntuosas, entre outros conceptos.
  • A falta de xestión durante anos. Desde que comezou a crise derivada da especulación inmobiliaria, en Cee gastouse moito máis do que se ingresaba, pero nada se fixo ata agora para cadrar as contas, máis alá de vender patrimonio ou pedir préstamos. Contratouse a dedo, en lugar de buscar a oferta máis vantaxosa para o concello en materia de obras e prestación de servizos. Non se revisou durante anos o coste dos servizos, nin se fixeron melloras organizativas para lograr que fosen máis eficientes. Por poñer un exemplo do cambio: a reestructuración da Escola de Música prevé reducir o déficit de máis de 100.000 euros a pouco máis de 20.000, cunha oferta formativa similar á actual. Si se tivese actuado antes, os axustes actuais serían máis suaves.
  • As malas prácticas en materia de persoal. O Concello de Cee caracterizouse por un elevado número de traballadores con contrato temporal para a cobertura de postos de traballo en servizos permanentes. A consecuencia foi a concatenación de contratos durante anos, prórrogas irregulares e situacións tan anómalas coma non axustadas a dereito que durante anos foron informadas de desconformidade polos servizos municipais.

Estas situacións en fraude de lei, que se puxeron de manifesto cada vez que se levaron a cabo as prórrogas do contratos e das que eran coñecedores os anteriores alcaldes de Cee, conxuntamente coa lexislación citada no segundo párrafo deste artigo, desembocan no escenario actual.

O grupo de ANC está a traballar para conseguir a mellor solución para manter un servizo tan precioso como é a Escola de Música. Este traballo require discreción e constancia, pero consideramos necesario contextualizar a situación para que o problema sexa visto con perspectiva. Agardamos a colaboración de toda a cidadanía para acadar a mellor solución posible.

  • Daniel Oca (teniente alcalde do Concello de Cee, membro da Asemblea Nacionalista de Cee (ANC).

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

  • Nota de prensa de Dani Oca.

Comentarios