A sección sindical da CIG en XEAL denuncia a empresa por graves incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral

A sección sindical en XEAL vén de presentar unha denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social por "graves incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais tras a produción de varios accidentes de especial gravidade". A presentación da denuncia formúlase tras terse producido "accidentes laborais graves, un deles que supuxo un risco vital evidente por imposibilidade de escape inmediata", segundo denuncia o sindicato.

A representación sindical considera que "estes feitos non son episodios illados, senón consecuencia directa dunha política empresarial baseada na redución de persoal, na sobrecarga de tarefas e na falta de planificación preventiva eficaz".

A sección sindical da CIG denuncia tamén que "a empresa estaría intentando minimizar ou ocultar a gravidade dos accidentes producidos, ao tempo que dificulta o labor do delegado de prevención para exercer as súas funcións legais".

Desde a sección sindical afírmase que esta forma de actuar evidencia o que reiteradamente se vén denunciando: "a existencia dunha profunda contradición entre a imaxe pública que proxecta XEAL e a realidade interna da fábrica". "Mentres a empresa desenvolve unha intensa campaña de propaganda institucional, na práctica estaría a antepoñer o rendemento económico á saúde e á seguridade das persoas traballadoras".

"A redución drástica do cadro de persoal" segundo se expón na denuncia, "está a xerar unha situación de risco evidente nunha industria que, pola súa propia natureza, presenta condicións de especial perigosidade, penosidade e toxicidade".

A representación dos traballadores e traballadoras solicita unha actuación inspectora urxente, a avaliación da existencia de risco grave e inminente e a adopción das medidas correctoras necesarias para garantir a seguridade e a saúde do persoal.

Máis novas