mércores. 26.11.2025
El tiempo

Cee e Corcubión estrearon fermosos murais no marco da II edición de “Arte no Camiño”

Corcubion Arte no Camiño 1
Laura Suárez presentando o seu mural feito en Corcubión
Cee e Corcubión estrearon fermosos murais no marco da II edición de “Arte no Camiño”

Inauguraron esta mañá as vilas de Cee e Corcubión dous novos murais realizados no marco do proxecto Arte no Camiño”, un proxecto impulsado pola institución provincial coa colaboración da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e dos Concellos de Miño e Carral.

A iniciativa busca integrar a arte urbana nas rutas xacobeas que discorren  pola provincia, reforzando a identidade local e enriquecendo a experiencia de peregrinos, visitantes e veciñanza. Con esta edición, o programa consolídase como unha aposta estratéxica pola cultura contemporánea, pola memoria e pola posta en valor do territorio.
 

Corcubión – Laura Suárez

A obra recupera un episodio histórico do ano 1807, cando as mulleres de Corcubión impediron que os homes marchasen novamente á guerra contra as tropas francesas. O mural está pensado para interactuar co peregrino: quen se achega dende o camiño ve primeiro os homes armados e, ao avanzar, as mulleres que os detiveron, sobre un chan de cunchas que evoca o paso das persoas camiñantes.

Cee – MØU · “O Reflexo”

O mural reflicte a introspección que acompaña o acto de camiñar. A figura protagonista, mergullada na auga, tenta ver un reflexo difuso que representa a procura da identidade e do obxectivo persoal. Os xuncos que a rodean fan referencia á lenda da Xunqueira, mentres que as estrelas simbolizan os logros alcanzados durante a viaxe.

Laura Suarez Cee Arte no Camiño 1

Comentarios