O Concello de Corcubión volve a denunciar a negativa da Xunta a abrir o Centro de Día
O equipo de goberno do Concello de Corcubión volveu a denunciar que a Xunta de Galiza négase a facerse cargo do Centro de Día da localidade, logo de que este pasado luns 22 de xullo tivera lugar unha reunión de representantes da Corporación Municipal corcubionesa co Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, para tratar da apertura de dito complexo.
O Concello de Corcubión sinalou que na xuntanza, á que acudiron membros do executivo local e dos grupos municipais do PP e Sempre Corcubión, “volvemos a constatar que a Xunta non está disposta a abrir o Centro de Día e condena ao noso pobo e á comarca a non dispor de prazas para os nosos maiores, amosando unha falta total de sensibilidade ao respecto”.
O voceiro do equipo de goberno, Lois Lado, lembrou que as instalacións están listas desde hai tempo e afirmou que levan tempo solicitando que se poñan a funcionar. “É un tema de moita importancia, dado a carencia de servizos para atender á xente dependente”, remarcou Lado, que subliñou “a necesidade de abrir centros de día, pois moitas familias non teñen posibilidade de conciliar a súa vida laboral e familiar. É lamentable a política social da Xunta do PP”