Mércores. 23.10.2024
El tiempo

O goberno local de Corcubión lamenta a nova negativa do PP ao abrir o centro de día

O edificio do Asilo leva preparado para albergar un Centro de Día dende 2014
O edificio do Asilo leva preparado para albergar un Centro de Día dende 2014
O goberno local de Corcubión lamenta a nova negativa do PP ao abrir o centro de día

En maio de 2014, a Deputación remataba unhas obras de acondicionamento no edificio do Asilo, histórica residencia sita no centro de Corcubión, para que puidese albergar un Centro de Día. 10 anos pasaron dende aquela, (15 dende que se comezou a falar do proxecto) e moitas negativas da Xunta para asumir unha necesaria infraestrutura a pesar de ser a súa competencia.

Así o denuncia hoxe o equipo de goberno do Concello de Corcubión, despois do paso do asunto, outra vez, polo Parlamento Galego. O parlamentario corcubionés Oscar Insua levaba unha moción para que a Xunta afrontase por fin o Centro de Día na vila de San Marcos, pero o PP volveu, unha vez máis, votar en contra. A indignación no goberno nacionalista corcubionés é maior xa que os populares indicaron en sede parlamentar que ten que ser
o Concello o encargado de facer as xestións para abrilo, cando as competencias corresponden á Xunta de Galiza.

Os responsábeis do goberno municipal indicaron que o goberno galego do PP ten aberto centros de día noutros municipios e "a Corcubión téñeno abandonado". Ademais, lembraron que o alcalde, Xabier Domínguez “Drok”, leva pedindo desde o ano pasado reunións co xerente do Consorcio de Benestar e coa Conselleira de Política Social para impulsar a apertura do centro de día, “pero o PP debe estar ocupado en asuntos máis importantes, que aínda non contestaron”

O voceiro do executivo local, Lois Lado, manifestou que “levamos intetando darlle solución á apertura do centro de día desde que entramos a gobernar, e a Xunta debe facerse cargo de abrilo; simplemente é poñerlle mobiliario e metelo a funcionar, xa que as instalacións están listas”.

Dende o BNG lembran que "a comarca non ten prazas de centros de día; e as casas do maior, con todos os respectos, non poden acoller
dependentes de grado 2”.
Lois Lado sentenciou que “o PP quedará retratado toda a vida como os que non quixeron abrir o centro de dia no noso pobo".

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios