Venres. 19.04.2024
El tiempo

Corcubión enrédase cas prioridades: Centro de Día, Residencia ou as dúas

Pleno de Corcubion
O pleno gardou un minuto de silencio polo pasamento de Darío Xohan Cabana
Corcubión enrédase cas prioridades: Centro de Día, Residencia ou as dúas

Pleno polémico este pasado venres en Corcubión. Un pleno no que a corporación aprobaba, cos votos en contra do grupo de goberno, unha moción para pedirlle á Xunta unha Residencia de Maiores, e tamén a apertura do eternamente solicitado Centro de Día.

A moción inicial do grupo Sempre Corcubión facía fincapé na necesidade dunha “Residencia pública e comarcal”, e o BNG engadiu unha enmenda para que se solicitase tamén a apertura do Centro de Día no Asilo, que leva de de 2014 completamente preparado, con máis de medio millón de euros xa investidos no edificio, e que espera á que a Xunta asuma as súas competencias e o poña en marcha a través do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.

Nese sentido, o BNG corcubionés acusa ao goberno socialista de “votar en contra de abrir o Centro de Día”. Lois Lado, portavoz do Bloque, sinalaba que “nunca pensei que o alcalde fora capaz de votar en contra de pedirlle á Xunta que abra o centro de día, nin fai nin deixa facer”. Lado considera que “hoxe por hoxe, o máis importante é abrir o centro de día xa”, e avisa con novas mobilizacións.

Dende o PSOE consideran que o “BNG minte”. “Dende o grupo de goberno socialista por supos que non estamos en contra de abrir unha residencia de maiores na zona, pero entendemos que a nosa prioridade segue sendo abrir o Centro de Día”. Entendemos que é un erro poñer o foco ante a Consellería nun novo proxecto cando todavía non asumiron a súa responsabilidade de poñer en marcha un Centro de Día Público e Comarcal en Corcubión”.

O alcalde pediu que a moción “se deixase encima da mesa e se consensuase unha nova redacción entre todos”.

O que parece claro é que se Corcubión non ten consenso, vai ser imposible que a Xunta se involucre na dotación de servizos tan necesarios coma estes.

Un minuto de silencio

DUrante o pleno, a petición de Sempre Corcubión, a corporación gardou un minuto de silencio na memoria e recoñecemento da labor de Darío Xoán Cabana. Falecido a semana pasada, foi un dos escritores e tradutor máis importantes da nosa literatura, e académico da Real Academia Galega.

Novas relacionadas

Comentarios