Corcubión xa viaxa cara o medievo


Varias son as citas festexeiras coa historia no verán da Costa da Morte. Xa imos coñecendo como avanza o Asalto ao Castelo de Vimianzo, esta semana coñeceremos como se vai artellar o Mercado do Mar de Muxía, pero antes temos que facer parada obrigatoria en Corcubión. Xa está en marcha, e sen freos, o XI Mercado Medieval Costa da Morte, que terá lugar os vindeiros 22, 23 e 24 de xullo.
De feito, o seu Facebook e a nova web www.mercadomedieval.info xa ferven.
Xa tomou o relevo a nova Asociación Organizadora do Mercado Medieval de Corcubión tralos 10 anos de incansable traballo do anterior equipo. Moitos dos antigos colaboradores continúan en marcha coa aposta, como a Asociación de Porco Celta da Costa da Morte que non deixará de encher de bo xantar a festa.
Así e todo, a festa será algo máis humilde, que non divertida, que outros anos. O Desembarco non se poderá facer ante a falta de axudas da Xunta de Galicia. E será a empresa Temporarius (aínda está aberto o prazo para que os comerciantes se inscriban) a encargada de engalanar a vila.
Seguirá habendo case 100 postos de artesanía, con moitos que chegan directamente da zona, como gastronómicos e de artesanía, que pouco a pouco van medrando en número e calidade.

Programa do XI Mercado Medieval de Corcubión
O Programa será completo. O venres 22 de xullo a apertura do Mercado será ás 19:00h co pregón e un continuo pasarrúas de Bufóns, malabaristas... A primeira noite, rematará sobre as 22:30h cun Espectáculo nocturno, que será novedoso tralos fermosos Desembarcos dos 4 últimos anos.
Para o sábado haberá de todo. Dende as 11:30h, os xogos medievais invadirán as rúas. O Izado do pendón, momento importante, será ás 12:00h, e de seguido continuarñan as actividades con pasarrúas, cetrería, teatro de rúa... ata ás 14:30h.
A festa volve a partir das 18:00h con máis do mesmo. Ás 23:30h toca outra das citas ineludibles: a Procesión de fachos.
O domingo non decae a festa e ata ás 0:00h haberá festa. O Teatro, o circo, faquires, a cetrería, a música... Unha marea de actividades para trasladar a vila de San Marcos ao Medievo.
Para ir abrindo boca, aquí vos deixamos cun vídeo do ano pasado coas fotos de Marcos Rodríguez.
Máis información
- Facebook do Mercado Medieval Costa da Morte.
- Twitter do Mercado Medieval da Costa da Morte.
- www.mercadomedieval.info.
- Programa do Mercado Medieval Costa da Morte 2011.
Novas relacionadas
- Asalto ao Castelo de Vimianzo 2011: A nova historia do Asalto en vídeo: A Lenda do Aforcado.
- Mercado das Rutas do Mar 2010: Un Mercado Mariñeiro feito na casa.
- Unha nova Asociación salva o Mercado Medieval de Corcubión.
- O Concello de Corcubión ponse mans á obra co Mercado Medieval.
- Os empresarios de Corcubión pensan no Mercado Medieval.
- Mercado 2010: As mil caras do X Mercado Medieval Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).