Decomisan 606 kg de sardiña no porto de Corcubión

Segue pasando. As embarcacións, ante as esixentes cotas que limitan as capturas, intental colar os excedentes duplicando as etiquetas ou intentando manipulalas.
Así o detectaron os Efectivos do Servizo Marítimo da Garda Civil (SEMAR), que procederon á incautación de 606 quilogramos de sardiña no Porto de Corcubión, por irregularidades na documentación e na etiquetaxe dos produtos.
Durante unha inspección rutineira, axentes da SEMAR detectaron que a sardiña, transportada nun camión, carecía da documentación necesaria para garantir a súa trazabilidade. Ademais, comprobouse que a etiquetaxe do produto estaba duplicada, o que constitúe unha infracción da normativa vixente.
Tras as investigacións pertinentes, determinouse que a sardiña incautada procedía dun exceso no límite de capturas realizada por un pesqueiro e fora descargada no Porto de Corcubión.
Como consecuencia destas irregularidades, elaboráronse dous informes contra a empresa comercializadora, con sede na Coruña, polos seguintes conceptos: Transporte de produtos pesqueiros sen a documentación requirida e comercialización de produtos pesqueiros fóra das canles legais.
A sardiña incautada foi entregada, en concepto de recibo, ao Banco de Alimentos Rías Altas da Coruña, para que poida ser aproveitada polas persoas necesitadas.