Empresarios do sector TIC de toda Galicia reúnense este venres en Corcubión

Este venres 28 de outubro Galinus, a axencia de marketing dixital nai deste diario, asentada dende fai 8 anos en Corcubión, xuntará na Costa da Morte a persoeiros referentes no eido da tecnoloxía, comunicación, internet e emprendemento TIC.

A Costa da Morte acollerá a 22 edición da LaconNetwork, e Corcubión será por este día o epicentro do sector TIC galego. Cómpre destacar que a LaconNetwork é un evento de primeiro nivel en Galicia, pero carece de tintes elitistas e está aberto a todo aquel que desexe participar. Non é unha asociación, nin hai que pagar cotas, senón que cada quen paga a súa comida "a escote".

Como vén sendo habitual neste evento que se celebra o último venres de cada mes, os asistentes reúnense para un xantar informal que serve de punto de encontro, intercambio de experiencias e foro para posta en común de recursos e proxectos. Cada xornada celébrase nun lugar diferente de Galicia, sendo Corcubión a única poboación (a excepción das principais cidades galegas) que acolle por segunda vez esta xuntanza. O Restaurante Praia de Quenxe acollerá a cita.

Se a cita do pasado ano a visita incluíu un agradable cruceiro polas augas da ría de Corcubión e de Fisterra, este ano a proposta da organización é por terra. Un bus partirá da vila de San Marcos para ver de preto a Fervenza do Ézaro, coñecer algunha das lendas do Monte Pindo, e disfrutar do solpor dende a ensenada de Carnota, coa silueta do Promontorio Nerium como protagonista. A visita será guiada por un dos mellors especialistas en materia histórica e patrimonial da Costa da Morte. Quen mellor que Manuel Vilar para contarnos as marabillas da bisbarra.

Para rematar a xornada, unha Foliada no restaurante Praia de Quenxe servirá para achegar aos empresarios de toda Galicia á realidade máis tradicional da Costa da Morte. Así, coñecidos músicos da comarca de Fisterra amenizarán unha festa completamente aberta a toda a veciñanza.

Nos espacios en Facebook e Twitter de Galinus, así como na páxina web do evento, atópanse as instrucións para confirmar a asistencia.

Máis información e inscrición

Novas relacionadas

Fonte