A gran implicación social no Desembarco albisca un dos mellores Mercados Medievais

Crianzas protagonistas no Desembarco do ano pasado-Foto-Jorge Parri

Son moitas cousas o Mercado Medieval de Corcubión. Pero hai unha que reflicte mellor que o resto o que representa esta singular festa para o pobo e para toda a comarca: O Desembarco. Esta fin de semana do Apóstolo, a vila de San Marcos celebra a 24ª edición da mellor e máis auténtica feira medieval da provincia. Este ano (a última edición deste grupo de organizadores, que o están dando todo, pero que queren deixar un legado limpo e preparado para o relevo) vai ser espectacular, cunha implicación do pobo estupenda, e un programa absolutamente tremendo con máis de 220 actividades programada (72 o venres, 81 o sábado 81 e 74 o domingo).

A primeira actividade, a primeira Milla Medieval, xa se disputou onte, co cartel de completo con máis de 300 atletas de todas as idades.

O Desembarco

O gran punto de distinción desta festa é o Desembarco. A representación do desembarco das tropas do Arzebispo Rodrigo de Luna no pobo de Corcubión en 1457 é un dos eventos de teatro colectivo máis fermosas do verán. Unha cita na que ademais, nos últimos anos, volve contar coa implicación da veciñanza. Máis de 100 persoas (moita xente da, pero tamén xentes de fóra que están de vacacións ou que son residentes, incluídos moitos adolescentes que se unen aos exércitos invasores ou do pobo, forman o groso da actuación, que terá lugar, o venres ás 20:00h, na praia do Recheo, no centro da vila.

Levan toda a semana de ensaios, primeiro nos Xardíns do Concello por mor das mareas, sempre claves para o horario da cita, e este xoves ás 19:30h haberá un ensaio xeral na propia praia coa empresa que completa o evento.

A obra, baixo a dirección de Marina Gómez e Fernando Castro Paredes e o equipo de Farándula Velutina, contará cun elenco espectacular, este ano co privilexio de contar con Santiago Fdez., actor de dobraxe de referencia en Galicia, de Casa Hamlet, que fará de narrador e voz en off.

Os protagonistas serán Elisa Lema como Dona Xoana, Fernando Castro Paredes como Rodrigo Moscoso, Efrén Arteaga facendo do heroe local Rioboo, e por fin a obra conta cun xefe dos invasores da vila: Fran Hermida fará de Capitán Caamaño. O resto de actores principais son de Farándula Velutina, pero tamén participarán xentes do Grupo de Baile Xaldón, as Xaviñanas de Corcubión, a Escola Muncipal de Teatro…

Entre as novidades, cómpre destacar o espectáculo de abandeirados.

Asi loce o Desembarco do Mercado Medieval de Corcubion en 2025-Foto-JP

Moitas máis cousas

Pero como dicimos, a feira ten moitas máis cousas. Podedes pasar xa polo cárcere vello a ver a exposición

O mercado abrirá as súas portas o venres 24 ás 11:00h e contará este ano coa participación de oito compañías de animación, seis agrupacións musicais e outros tantos espectáculos de gran formato, ademais de catorce talleres de artesáns con demostracións en vivo, un recuncho infantil no Campo do Rollo, zoco árabe e exhibicións de cetrería nos xardíns da Casa do Concello.

Entre os momentos destacados da programación:

Venres 24: apertura ás 11:00h; ás 11:30h, desfile de infantes en colaboración coa escola infantil municipal de Corcubión e coa actividade de lecer; ás 13:00h, izado do pendón e inauguración solemne a cargo de Dona Xoana; ás 20:00h, desembarco na praia do Recheo, a cita máis singular deste mercado; ás 23:30h, gran espectáculo nocturno de tambores de lume a cargo de Deabru Beltzak; peche ás 00:30h.

Sábado 25: apertura ás 11:00h; ás 12:30h, pregón a cargo da actriz corcubionesa Judith Fernández (Rondallas); ás 13:00h, concerto Alfolí "Sons Celtas do Barroco", coa soprano Gemma Román, na igrexa parroquial de San Marcos; de 19:00h a 22:00h, fotomatón; de 20:00h a 22:00h, pasarrúas a cargo de Rapacollóns; ás 20:00h, actuación do Grupo de baile tradicional Xaldón; ás 20:30h, representación do grupo de teatro municipal de Corcubión e concerto de Airiños de Quenxe (igrexa parroquial de San Marcos); ás 21:00h, novo pase do concerto Alfolí "Sons Celtas do Barroco"; ás 23:00h, procesión de fachos, cun papel protagonista da veciñanza de Corcubión; ás 23:30h, espectáculo de gran formato "Lendas de Sangue e Aceiro".

Domingo 26: ás 13:00h e ás 20:00h, dobre pase do grupo de teatro municipal de Corcubión; ás 13:30h, actuación do grupo de baile tradicional; ás 23:00h, "Troula", o gran espectáculo final de lume; e ás 00:00h, arriado do pendón como peche da edición.

CRÓNICAS DOS MERCADOS

NOVAS RELACIONADAS