Corcubión alza os pendóns do XXIV Mercado Medieval
Corcubión celebrará do 24 ao 26 de xullo a 24ª edición do seu Mercado Medieval, unha das citas de referencia do verán na comarca. O municipio presenta xa un aspecto festivo grazas aos cincuenta novos pendóns confeccionados por un equipo de costureiras voluntarias, que anticipan o ambiente das tres xornadas de mercado.
Porque este evento, que conta co respaldo do Concello de Corcubión, a Deputación da Coruña, Estrella Galicia, conta coa colaboración de máis de 500 veciños e establecementos da localidade e de toda a comarca.
A edición deste ano manterá o formato habitual de tres xornadas e incorporará novidades tanto na programación como nas ferramentas para seguila: ademais do tradicional díptico informativo, lanzarase unha aplicación web pensada para facilitar a consulta do programa completo, que este ano reúne máis de 220 actividades entre teatro, música, danza, exhibicións de loita, pasarrúas e música tradicional.

Actividades previas á fin de semana grande
O programa arrincará antes da apertura oficial do mercado con dúas propostas:
Dende o 15 de xullo, unha exposición de Playmobil que recreará o desembarco das tropas invasoras, no Cárcere Vello.
O mércores 22 de xullo, a I Milla Medieval de Corcubión, organizada xunto coa Peña Deportivista Ave César, con saída ás 20:30h dende a Praza Castelao. As inscricións están xa esgotadas.
Programa da fin de semana
O mercado abrirá as súas portas o venres 24 ás 11:00h e contará este ano coa participación de oito compañías de animación, seis agrupacións musicais e outros tantos espectáculos de gran formato, ademais de catorce talleres de artesáns con demostracións en vivo, un recuncho infantil no Campo do Rollo, zoco árabe e exhibicións de cetrería nos xardíns da Casa do Concello.
Das máis de 220 actividades programadas, o venres concentrará 72, o sábado 81 e o domingo 74.
Entre os momentos destacados da programación:
Venres 24: apertura ás 11:00h; ás 11:30h, desfile de infantes en colaboración coa escola infantil municipal de Corcubión e coa actividade de lecer; ás 13:00h, izado do pendón e inauguración solemne a cargo de Dona Xoana; ás 20:00h, desembarco na praia do Recheo, a cita máis singular deste mercado; ás 23:30h, gran espectáculo nocturno de tambores de lume a cargo de Deabru Beltzak; peche ás 00:30h.
Sábado 25: apertura ás 11:00h; ás 12:30h, pregón a cargo da actriz corcubionesa Judith Fernández (Rondallas); ás 13:00h, concerto Alfolí "Sons Celtas do Barroco", coa soprano Gemma Román, na igrexa parroquial de San Marcos; de 19:00h a 22:00h, fotomatón; de 20:00h a 22:00h, pasarrúas a cargo de Rapacollóns; ás 20:00h, actuación do Grupo de baile tradicional Xaldón; ás 20:30h, representación do grupo de teatro municipal de Corcubión e concerto de Airiños de Quenxe (igrexa parroquial de San Marcos); ás 21:00h, novo pase do concerto Alfolí "Sons Celtas do Barroco"; ás 23:00h, procesión de fachos, cun papel protagonista da veciñanza de Corcubión; ás 23:30h, espectáculo de gran formato "Lendas de Sangue e Aceiro".
Domingo 26: ás 13:00h e ás 20:00h, dobre pase do grupo de teatro municipal de Corcubión; ás 13:30h, actuación do grupo de baile tradicional; ás 23:00h, "Troula", o gran espectáculo final de lume; e ás 00:00h, arriado do pendón como peche da edición.
O desembarco, un dos momentos máis esperados do mercado, incorporará novidades tanto na posta en escena como na narración, coa colaboración do actor Santiago Fernández (Casahamlet) e baixo a dirección, un ano máis, de Farándula Velutina.
Durante os tres días celebraranse ademais un concurso de fotografía e unha yincana dixital para percorrer os recunchos e segredos do mercado.
Última edición da organización actual
O equipo que en 2023 tomou as rendas do Mercado Medieval para evitar a súa desaparición anunciou que esta será a súa última edición como cabezas visibles da organización. Durante estes anos, este grupo de traballo asumiu o reto de reconstruír e facer medrar unha cita que corría risco de desaparecer, ata converter esta edición nun evento con máis de 220 actividades e o respaldo de centos de colaboradores.
O equipo quixo destacar e agradecer especialmente a implicación da veciñanza de Corcubión ao longo de todas estas edicións: costureiras, carpinteiros, actores e extras, e o máis dun cento de colaboradores que cada ano se suman ao proxecto, sen os que, subliñan, non tería sido posible sacar adiante o mercado. Aínda que deixan a primeira liña da organización, o equipo seguirá a disposición de quen tome o relevo.
CRÓNICAS DOS MERCADOS
- 2025: O Desembarco máis local propiciou a primeira máxica noite do Mercado Medieval de Corcubión
- 2024: O pobo de Corcubión volveu converter o Mercado Corcubión na capital histórica da Costa da Morte.
- 2022: O Mercado Medieval de Corcubión cumpliu 20 anos para cambiar de ciclo.
- 2019: O Mercado medieval de Corcubión en imaxes.
- 2019: Corcubión e o seu pobo, por riba das modas medievais.
- 2018: Corcubión volve ao medievo con máis forza ca nunca.
- 2013: O Mercado Medieval de Corcubión mantén o seu tirón.
- 2012: O Mercado Medieval de Corcubión non perde tirón.
NOVAS RELACIONADAS