O Mar na Escola supera o ecuador achegando o mar a centos de alumn@s da comarca
Superou o seu ecuador o programa “O Mar Na Escola 2026” “Xogando co Vento”. A maioría dos 373 alumn@s da comarca xa realizaron a sesión de Teoría nos centros educativos e completaron as súas primeiras sesións de mar.
Unha experiencia integral, que permite que o programa escolar se achegue, por unha vez, á nosa contorna. A través da vela, a cativada da comarca coñece como é o seu mar, cambiando os libros polos barcos de vela.
Hai unha parte do alumnado que xa completou a experiencia, os pertecentes aos colexios de Cee (CPR Plurilingüe Manuela Rial Móuzo, CEIP Plurilingüe Vila de Cee), de Dumbría (CEIP Plurilingüe Santa Eulalia), de Fisterra (CEIP Mar de Fora, CEIP Areouta e CPR Nª Sª del Carmen), de Corcubión (CEIP Praia de Quenxe), e do CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña de Santa Comba.
Nos meses de maio e xuño, as sesións no mar serán impartidas polo alumnado dos centros escolares de Carnota (CEIP do Pindo, CEIP Plurilingüe de Carnota) e Muxía (IES Ramón Caamaño, CEIP Virxe da Barca, CEIP Os Muiños e CEIP de Villarmide- Eduardo Noya).
Primeiro teoría e despois práctica
O programa inclúe sesións teóricas preliminares deseñadas para familiarizar o alumnado co mundo mariño a través de sesións formativas sobre: a vida no mar, o seu coidado e conservación; a importancia da acuicultura e a súa convivencia coa pesca para a sustentabilidade e a conservación dos ecosistemas naturais, así como para a economía das nosas zonas costeiras; e a importancia de observar o noso contorno antes de zarpar, axudándolles a comprender as mareas, as correntes e o vento, así como a súa medición.
Nestas primeiras saídas ao mar, o alumnado participante no programa “O Mar na Escola” 2026 “Xogando co Vento” empregou botes e caiaques de mar.
Unha vez perdido o medo, a rapazada convírtese en verdadeiras tripulacións a bordo dos barcos de vela, ou no no buque escola, onde aprenden sobre a importancia do traballo en equipo e teñen a oportunidade de practicar manobras nos distintos postos de a bordo.
Concurso de debuxo
O alumnado tamén está a ultimar os detalles para presentar os seus debuxos ao 8º Concurso de Debuxo Stolt Sea Farm 2026, xa que a data límite é a finais de maio.
O Concurso de Debuxo Infantil, cuxo tema é "Acuicultura de rodaballo: beneficios para a nosa saúde e o planeta", ten como obxectivo dar a coñecer a acuicultura, as súas vantaxes e os beneficios do consumo de peixe na dieta infantil, fomentando a creatividade e a participación activa do alumnado. O tema debía centrarse na acuicultura mariña terrestre, concretamente no rodaballo.
Máis novas do progama