O Concurso de Debuxo pechou o curso do proxecto "O Mar na Escola"

Acollía na maña deste xoves o Concello de Carnota o acto de clausura do programa “O Mar Na Escola 2025, Xogando Co Vento”. A iniciativa liderada por Escola de Vela Cataventos, leva 20 anos achegando o mar a través do deporte á rapazada da comarca dende os plans de estudios.
Conta co apoio dos Concellos de Cee, Dumbría, Fisterra, Corcubión, Muxía, Carnota e Santa Comba, ademais do da Secretaría Xeral para ou Deporte, a Real Federación Galega de Vela, o Club Marítimo Carrumeiro e a empresa Stolt Sea Farm - Prodemar como patrocinador oficial. Todos fan posible que este ano participasen 375 alumnos/as de 14 colexios, que puideron gozar da experiencia de navegar polas rías da Costa da Morte.
“Queremos agradecer a todos os implicados neste proxecto, que sigan apostando por unha iniciativa que ten como obxectivo achegar o mar e os seus recursos á escola”, sinalou a promotora Noemí Bermudez Elorza, de Cataventos. “A Stolt Sea Farm-Prodemar, polo seu apoio incondicional, por crer neste proxecto e embarcarse connosco outro ano máis. Aos centros escolares, polo esforzo de adaptar a súa programación para integrar esta actividade, que estou segura que enriquece a todos os alumnos e achégalles unha visión diferente da contorna mariña co que conviven todos os días. Trátase dun programa xa consolidado, pero o noso compromiso é seguir avanzando e ampliando cada ano o número de sesións e nenos; sempre contando, como non podería ser doutra maneira, co apoio de todos os presentes neste acto”.
Concurso de debuxo

No acto fíxose entrega do Premio á gañadora do "VII Concurso de debuxo Stolt Sea Farm”. Ela foi Adriana González Goyanes, de 6º Primaria do CEIP de Carnota, que recibiu como premio un lenzo do seu debuxo gañador, un kit de merchandising e unha visita ás instalacións Stolt Sea Farm -Prodemar, celebrada precisamente onte 12 acompañada dos seus compañeiros.
Ademais, dado o gran talento visto no certame, recibiron accesits, Ada Martínez Outes (CEIP Manuela Rial Mouzo, 6B) e Jimena Gordillo González (CEIP O Pindo, 5º).