Emotivo peche á XIX do pioneiro proxecto O Mar na Escola

O Concello de Muxía acolleu este xoves o acto de clausura da XIX edición do “O Mar Na Escola 2024, Xogando Co Vento”, unha iniciativa liderada pola Escola de Vela Cataventos, e que conta co apoio dos Concellos de Cee, Dumbría, Fisterra, Corcubión, Muxía, Carnota, e da Secretaría Xeral para o Deporte, da Real Federación Galega de Vela, do Club Marítimo Carrumeiro e a empresa Stolt Sea Farm - Prodemar como patrocinador.
Non deixamos de loubar esta iniciativa que permite que o mar si teña o seu espazo nas aulas, e entre os libros de mates e lingua, a rapazada de 13 centros de ensino da Costa da Morte tamén aprenden sobre algo tan propio como o noso mar. A vela e os deportes náuticos son o fío condutor para achegar o mar ao programa educativo oficial permitíndolle a 331 da contorna de aprender cun sabor máis salgado.
O acto reuniu aos alcaldes e representantes das localidades implicadas: David Costa, Concelleiro de Dumbría: Áurea Domínguez, Alcaldesa de Fisterra; Javier Domínguez Traba, alcalde de de Corcubión; Iago Toba, alcalde de Muxía; Juan Manuel Saborido Rama, alcalde de Carnota; Félix Quintero, presidente do Club Marítimo Carrumeiro; Carlos Pazos, Técnico Deportivo do Concello de Corcubión e Javier De Francisco, Responsable de Relacións Institucionais, en representación da empresa colaboradora Stolt Sea Farm-Prodemar. Non faltaron os alumnos do CEIP Vilarmide, compañeiros do gañador do "VI Concurso de Debuxo da Granxa do Mar Stolt”.
A coordinadora do programa, Noemí Bermúdez de Castro Elorza, explicou que nesta edición participaron 331 alumnos dos seguintes centros: CPR Manuela Rial e CEIP Vila de Cee (Cee); CEIP Santa Eulalia (Dumbría); CEIP Mar de Fora, CEIP Areouta, CPR Nª Sª del Carmen (Fisterra); CEIP Praia de Quenxe (Corcubión), CEIP Virxe da Barca, CEIP Vilarmide, CEIP Os Muiños, IES Ramón Camaño (Muxía); CEIP do Pindo, CEIP de Canota (Carnota).
Ademais de agradecer a implicación das entidades colaboradoras, fixo fincapé no “apoio incondicional” de Stolt Sea Farm. Ademais, agradeceu aos colexios “o esforzo de adaptación a súa programación para integrar esta actividade, que seguro que enriquece a todo o alumnado e dálles unha visión diferente do medio mariño co que viven cada día”. “Trátase de un programa xa consolidado, pero o noso compromiso é seguir avanzando e ampliando cada ano o número de sesións e nenos; contando sempre, como non podía ser doutro xeito, co apoio de todos os presentes neste acto”, explicou.
Concurso de Debuxo
No acto fíxose entrega do Premio ao gañador do "VI Concurso de Debuxo da Granxa do Mar Stolt": un lenzo do teu debuxo gañador, un kit de merchandising e unha visita ás instalacións de Stolt Sea Farm - Prodemar, para a gañadora Lucía Senlle Sánchez, e os seus compañeiros de 3º EP do CEIP Vilarmide Eduardo Noya de Muxía.