O apalpador ficou en Corcubión

Pois parece que o Apalpador gustou da Costa... Tralo seu paso pola zona aló polo Nadal, debeu atopar moza ou algo, que non voltou ás súas terras de Tribes e quedou en Corcubión. E a xulgar polas imaxes que nos chegan dende o CEIP Praia de Quenxe, debeu ter unha marea de apalpadoriños...

O conto, e nunca mellor dito, é o que nos contan dende a Anpa Alén de Corcubión, que fixo este ano unha actividade no CEIP Praia de Quenxe para dar a coñecer a figura do Apalpador. A actividade consistiu en agasallar aos todos os pícaros do colexio cunha figura de escaiola feita pola mestra artesán Marta Coronilla.

Non ficaba aí a actividade, pois aos nenos entregáronselles as figuras brancas e dende a ANPA lles propuxeron un concurso: un tempo para que os pintasen e expuseran no propio colexio. Foron os propios nenos quen votaron os que máis lle gustou de cada ciclo.
E xa temos gañadores aos que a ANPA vai premiar cuns agasallos (un libro) a cada un dos gañadores, sendo doble o premio en infantil pola alta participación.

Só podemos felicitar á ANPA corcubionesa, que recentemente pasou a formar parte da Fedanpa, por esta dinámica e cultural actividade.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).