O BNG propón hoxe a creación dun Arquivo de Bens Inmateriais en Corcubión


O BNG levará ao Pleno Extraordinario que se celebrará hoxe martes día 29 de abril as 11:00 da maña, no pleno do Partido Xudicial, a proposta de creación dun Arquivo de bens Inmateriais do Concello de Corcubión.
Esta iniciativa que lanzamos dende o BNG, ten como obxectivo a acumulación dos bens que constitúen o patrimonio humano, histórico e cultural deste pobo baixo a responsabilidade da Institución Municipal. Unha iniciativa dedicada ó coñecemento, difusión, sensibilización e protección do patrimonio inmaterial cultural do noso pobo. Unha iniciativa que hoxe, se cabe, ten aínda maior importancia, con unha vila languidecendo coa usurpación de servizos que se están a producir nos últimos anos, sinalan.
Consistiría na creación dun Banco de Datos ou Arquivo Municipal Especial onde se poida gardar, clasificar, ordenar ou consultar documentos. Censos e biografías de veciños e veciñas preocupados polo benestar dos corcubioneses e corcubionesas. Veciños ilustres ou destacados pola súa humanidade, doazóns ou legados. Publicacións de estudos relacionados ca historia de Corcubión ou obras de autores corcubioneses xa sexan de historia, poesía, novela, revistas, etc. Hemeroteca con documentos de acontecementos dos séculos pasados ata os máis recentes. Fondos fotográficos especialmente da paisaxe urbana, edificios, monumentos, rúas, oficios artesáns, festas, romarías e todas as tradicións que son parte da nosa identidade cultural, etc.
Dende o BNG lemrabn que “a experiencia indica que non bastan os esforzos das Institucións para a recuperación, protección, conservación e restauración dos bens históricos e culturais polo que son necesarias as achegas e participación activa dos cidadáns así como do uso responsable dos bens que forman parte do noso patrimonio”.
Novas relacionadas
- Corcubión invita aos veciños a participar nun pleno polo Partido Xudicial.
- O Cancioneiro de Corcubión.
Fonte
- Nota de prensa do BNG de Corcubión.