Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Os empresarios de Corcubión reivindican o seu traballo

Os empresarios de Corcubión reivindican o seu traballo
Facíamos onte uns apuntes sobre o novo cartel que instalou o Concello de Corcubión á entrada da vila ao seu paso polo Camiño de Santiago. Un cartel no que botamos de menos información sobre os establecimentos comercias da zona. De feito, sinalábamos que a Asociación de Empresarios de Corcubión, EMPRECOR, debería ter estado detrás do concello para facer estas peticións. Pois ben, segundo nos informa hoxe o propio presidente da entidade, Juan Ángel López Canosa, a EMPRECOR xa fixera esa solicitude, e por escrito. A entidade enviara, aló por xullo, moito antes da instalación do cartel, este documento con varias peticións, entre as que se solicita unha "sinalización adecuada do Camiño, vendo a posibilidade de deseñar un mapa explicativo do Camiño así como dos negocios e outros servizos que temos na vila". Dende aquí enviamos as nosas desculpas á asociación, unha vez que descoñeciamos este documento. Documento que demostra que a entidade quere traballar a favor dos seus empresarios.

Máis peticións e proxectos

O tema do cartel "foi un dos primeiros asuntos que abordou a directiva, ademais de outros como folletos de ruta e guías que xunto ao cartel, que farían moito ben aos nosos empresarios", segundo explica Canosa. Pero como vemos no escrito a entidade tamén pedira un local, xa cedido polo concello pero que agarda que poida ser pechado ao estar, neste momento, compartido con outras asociacións. De feito, a entidade xa traballa na creación dunha páxina web unha vez foille concedida unha subvención ao efecto. Ao tempo, Emprecor está "esperando novas sobre unhas subvencións pedidas para que un axente de emprego traballe para a asociación durante 6 meses sen custo ningún velando polos intereses dos asociados". Apunta tamén a "adhesión a unha Federación Empresarial de Santiago", farán o propio coa FECOM" E xa están inmersos na campaña de Nadal esta en marcha. Juan Ángel López Canosa avisa: "Seguiremos traballando".

Comentarios