Martes. 16.07.2019
El tiempo

Xosé Ansede: "Levamos 16 anos de goberno socialista cos que Corcubión non avanzou nada."

O panorama político de Corcubión parece incerto, trala continua igualdade máxima dos últimos anos nos comicios. Máis se cabe coa ampliación a 5 candidaturas.  
Hoxe falamos con Xosé Ansede, candidato do BNG de Corcubión á alcaldía nestas eleccións municipais do 26 de maio.

Xosé Ansede, candidato do BNG de Corcubión
Xosé Ansede, candidato do BNG de Corcubión
Xosé Ansede: "Levamos 16 anos de goberno socialista cos que Corcubión non avanzou nada."
  • QPC: Con que aspiracións chega o BNG a estas municipais?

A nosa aspiración é facer de Corcubión un Concello de Benestar e prosperidade, devolvéndolle a categoría de referente comarcal como destino turístico por excelencia da Costa da Morte.

  • QPC: 5 candidaturas son moitas candidaturas… Como vés a cousa? Quen parte como favorito? Como cres que quedará o pleno?

Si, considero que para un pobo tan pequeno 5 son moitas. A mellor opción é un goberno do BNG, con esta intención nos presentamos, coa de acadar unha maioría que nos permita gobernar.

 

  • QPC: A frase de “cada voto vale é importante” en Corcubión cobra unha dimensión especial. En 2015, 36 votos decantaron 4 anos de goberno. Como animas á veciñanza á votar?

Levamos 16 anos de goberno socialista cos que Corcubión non avanzou nada. Todas as infraestruturas e servizos actuais foron conseguidos con gobernos do BNG.
Polo tanto para poñer a Corcubión no sitio que merece animo á veciñanza a volver a confiar en nós, e para é importante concentrar o voto na nosa candidatura, xa que o voto dividido favorece o continuismo e a parálise municipal.

 

  • QPC: Cres que as eleccións do 28 de abril, nas que o BNG recuperou a liña ascendente tras moitos anos de retroceso, influirán nas do 28 de maio, ou cres que Xerais e Municipais non se poden relacionar porque son de naturezas diferentes?

O pasado 28 de abril duplicamos votos. Este feito representa un significativo avance no apoio social do BNG, consolidando unha tendencia á alza que estamos seguros que se vai dar tamén a nuvel local, porque os concellos de referencia en Galicia son concellos do BNG, e en Corcubión son coñecedores do noso bo facer.

 

  • QPC: Nunha frase: Que necesita Corcubión?

Necesita calidade de vida, prosperidade, volver ser o referente da Costa da Morte.

 

  • QPC: Cales son as principais liñas do voso programa?

Convidamos a ler o programa electoral pero como obxectivos principais temos:
- O benestar dos veciños e veciñas, con boa xestión, mellorando e recuperando servizos, e con políticas activas asistenciais e preventivas, para a mocidade, maiores, crianzas e familias. A posta en marcha do Centro de Día será prioritaria, e mentres poremos un servizo de respiro familiar.
- Plan de acción cultural, deportivo e medioambiental;
- Facer do turismo o eixe do noso desenvolvemento económico, cun plan estratéxico sostible, competitivo e responsable, fundamentado na nosa riqueza patrimonial.
- Varias obras imprescindibles como a remodelación da Praza de Castelaou, a construción dun albergue no casco histórico, arranxar o paseo marítimo e rematar a súa unión co de Cee. Ademais, facer melloras e recuperación das infraestruturas das parroquias: estradas, lavadoiros, muíños…
- Impulsar novas competencias dende a mancomunidade, o que implica ter servizos compartidos máis eficiente e de carácter permanente.

 

  • QPC: Nun concello onde o gasto en persoal representa o 60% do orzamento anual, como pensades reducir o gasto municipal?

Con ese dato ponse en evidencia a falta de capacidade do goberno actual, para sacarlle rendemento ao persoal e poder ofrecerlle mellores servizos á cidadanía.
Nós saberemos optimizar e xestionar os recursos humanos municipais para transformar o Concello nun servizo público, eficaz e solvente.

 

  • QPC: Pensades ademais rescatar a idea do Porto Deportivo?

Si, por suposto, nunca renunciamos a el. É unha débeda que a Xunta ten con Corcubión. Será unha das nosas prioridades como potencial turístico e deportivo.

 

  • QPC: A túa lista está formada por: Lois Lado, Rafa Mouzo (fillo), Oscar Insua, Emilia López, Alfonso Canosa, Dulce Canosa, Jesús Martínes Lema, Xunqueira Canosa.
    Cales son os puntos fortes do teu equipo?

Somos unha lista veterana en experiencia de política local e activismo social. Un equipo de persoas con capacidade, ideas e gañas de traballar.

 Foto candidatura BNG Corcubión 2019

  • QPC: E para rematar, que lle dirías a un veciño de Corcubión para que se decantase pola túa candidatura? Cal é o teu maior valor para Corcubión?

O meu maior valor é a humildade e como tal sei ser agradecido. Especialmente á veciñanza corcubionesa, que é un pobo acolledor, respectuoso e solidario. O noso programa vai prioritariamente encamiñado ao seu benestar e progreso. E iso é o que ofrecemos, o mellor para Corcubión e polo tanto pido o voto para a nosa candidatura.

 

Novas relacionadas

Comentarios